A RAG pide un modelo educativo que “garanta os dereitos dos galegofalantes”

A Real Academia Galega lembra que as recomendacións do informe do Consello de Europa “están na liña” das demandas expresadas pola institución.

real academia galega

A Real Academia Galega (RAG) insta Xunta da Galiza e Estado español a seguir e cumprir as recomendacións expresadas no informe que a semana pasada publicou o comité de expertos do Consello de Europa sobre o galego e no que advertía sobre cuestións como os efectos negativos das limitacións ao uso do idioma no sistema educativo.

A RAG, nunha declaración institucional, lembra "as recomendacións feitas polo Consello en relación co cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias e incide en que sas recomendación “están na liña das demandas reiteradamente expresadas pola Real Academia Galega”.

Así, lembra que a Academia Galega instou a que o Comité de Ministros do CE aprobase unha recomendación específica para que "o goberno galego remova os obstáculos normativos que impiden o establecemento dunha oferta educativa completa ou principalmente en lingua galega".

A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias é un tratado internacional impulsado polo Consello de Europa co obxectivo de protexer os dereitos dos falantes das linguas europeas rexionais e minoritarias. En 2001, o Estado español adheriuse a esta Carta e no momento da súa ratificación comprometeuse a cumprila no conxunto das súas previsións e nos seus termos máis amplos. Así, o seu artigo 8 compromete as autoridades a ofrecer unha liña de educación preescolar e de ensino primario, secundario, técnico e universitario en lingua galega.

“Este compromiso non só foi incumprido, senón que a normativa sobre o uso do galego no ensino vixente no noso país desde 2010 (Decreto 79/2010 , do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza) se atopa en flagrante contradición con el, ao restrinxir este uso a un máximo do 50% do currículo (e a unha porcentaxe menor nos centros plurilingües), excluíndoo totalmente de materias como as matemáticas, a física e a química”, critica a RAG.

Os datos sociolingüísticos recollidos nos últimos anos, ao igual que os estudos feitos sobre a evolución do coñecemento e uso da lingua galega, mostran “un alarmante retroceso do noso idioma na poboación infantil e na mocidade, poñendo de relevo os negativos efectos das limitacións ao uso do galego no sistema educativo”.

Por iso, a RAG insta as autoridades do Estado español e da Xunta a que se dote dun modelo educativo “que garanta os dereitos dos galegofalantes e asegure a vitalidade do noso idioma”.

Comentarios