domingo 17/10/21
Graduada en Humanidades e máster en Ciencias Sociais

Marta Salutregui: "Para as neofalantes sería máis sinxelo ter o apoio das que teñen o galego como lingua materna"

Marta Salutregui, terceira xeración da súa familia que vive no barrio obreiro de Caranza, en Ferrol, é a promotora das Reunións de Neofalantes (novas falantes de galego). Unha iniciativa que difunde a través das redes sociais, “pública, aberta e democrática”, que ten como lugar de xuntanza a web de código aberto Jitsi, cada segunda feira ás 21.30 horas. Marta, graduada en Humanidades e máster en Ciencias Sociais, imparte clases particulares desde que cursaba o ensino medio e botou a andar os encontros coa única intención de “ser neofalante”.
FB_IMG_1613563581406
A familia de Marta Salutregui está asentada, por tres xeracións, no barrio ferrolán de Caranza. (Foto: Nós Diario)

Como empezaron e en que consisten as xuntanzas de neofalantes?

Para min é un proxecto egoísta porque non pretendía facer visíbel a lingua galega nin que esta gañase falantes, aínda que conforme avanza vou tendo máis ganas diso. O único que pretendía era conseguir ser neofalante. Cando estaba en Compostela cursando o mestrado fixen algún intento de selo que quedou frustrado. Nesa cidade é doado porque se fala moito o galego, cousa que non acontece noutras urbes nas que adoito moverme como Ferrol ou A Coruña.

Así, ao volver á miña realidade retomaba o castelán, de feito na miña familia non hai galegofalantes, unha parte de tres ou catro xeracións atrás procedía de Asturias, dunha zona limítrofe coa Galiza, e sabíano, pero non o empregaban. Así que coa rede de neofalantes o que pretendía era ter contextos nos que empregar o galego. Nos círculos de activismo feminista ou LGBT si que o empregaba pero buscaba máis contornas nas que utilizalo.

En canto ao formato, adaptámonos á situación actual. No confinamento o colectivo vigués Klandestinas organizaron unha "pandemia feminista", cada día xuntabámonos a través da plataforma Jitsi para falar, e iso é o que pretendo con este espazo de Neofalantes. 

Como se pode participar? Hai máis grupos deste tipo?

Non poño eu as normas da rede, pero hai un requisito para que eu estea, e é que sexa unha rede pública, segura e democrática. Así que pode entrar quen queira, sen necesidade de rexistro, premes na ligazón na segunda feira ás 21.30 horas e xa está. Cada xornada fálase dun tema que se decide na xuntanza anterior.

No tema da protección de datos, polo de agora, preséntase como unha xuntanza entre amigas, e o que si pedimos é que quen queira ter a cámara apagada durante a xuntanza, que ao comezo se mostre, porque pode haber alguén que precise saber quen está por unha cuestión de seguridade. Si hai outros grupos, por exemplo os Faladoiros, desde Vigo, que se reúnen nas terzas, cuartas e quintas feiras, algo máis orientados a mellorar o galego de cadaquén.

A xuntanza tamén se vai centrando en temas, pero póndose en contacto con eles para participar recíbese a temática en cuestión e un vocabulario, por exemplo. En definitiva, temos cuberta a semana desde a segunda até a quinta feira.

Que persoas participan?

Ao comezo tiven medo, polos círculos nos que me movo, de que se convertese nun espazo de intelectuais ou xente de moita formación, porque quería que fose un espazo posicional e interxeracional, iso coido que é moi importante. Temos un pouco de todo, o profesorado sempre se anima bastante, e tamén hai un doutor, unha muller que vén da Arxentina... 

Por parte das persoas paleofalantes existe conflito fronte ás neofalantes?  

Penso que si, e era algo co que non contaba. Para as persoas neofalantes sería máis sinxelo ter o apoio das persoas que teñen o galego como lingua materna (paleofalantes), pero si que é certo, e témolo falado nas xuntanzas, que hai unha reticencia. Xente que vén de fóra, incluso de fóra do continente, que no canto de empregar o castelán decide aprender o galego e atopa que hai un rexeitamento por parte da comunidade, tanto paleofalante como castelanfalante, que vive na Galiza.

Renegamos do galego até que alguén chega de fóra e o emprega. Desde aquí reivindicamos que o galego é noso e, á vez, de todas. Por iso, as nosas xuntanzas tamén están abertas a paleofalantes.

comentarios