Nova “rede social” para neofalantes da man da Xunta e a USC

Esta ferramenta aspira a converterse en rede social e nodo de contacto entre persoas que desenvolvan negocios en galego.
O reitor da USC, Antonio López, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o decano e vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa e Alba Silva, na presentación da web. (Foto: USC)
photo_camera O reitor da USC, Antonio López, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o decano e vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa e Alba Silva, na presentación da web. (Foto: USC)

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu esta segunda feira a presentación da páxina web neofalantes.gal, froito da colaboración entre o centro universitario e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta da Galiza.

No acto no que participou Antonio López, reitor da USC, e mailo titular da Secretaría Xeral, Valentín García, detalláronse as principais fases á hora de desenvolver esta ferramenta que aspira a converterse en rede social e nodo de contacto entre persoas físicas e xurídicas que desenvolvan negocios en galego.

A primeira parte do proxecto, crear a páxina web, xa foi completada. Ademais de novas, investigacións sobre lingua e polémicas arredor do idioma, a iniciativa terá presenza en redes sociais como Instagram, TikTok, Youtube, Facebook e Twitter.

A segunda fase, que se prevé estea completada ao final de 2022, consiste na posta en marcha dunha ferramenta tecnolóxica interactiva no seo da web que funcionará como unha rede social para crear comunidades virtuais na lingua do país.

O último paso será o desenvolvemento da área empresarial específica para conectar responsábeis de empresas ou persoas con interese na creación de empresas por medio do galego, facendo fincapé nos países lusófonos.

O grupo Novos Medios da USC apunta que co proxecto procuran “analizar o proceso de incorporación do galego por parte de persoas que tiveron outros idiomas como primeira lingua”.

López salientou o traballo do grupo, reivindicando a Facultade como “referente” para a docencia na lingua propia.

Asemade, o secretario xeral de Política Lingüística fixo énfase na colaboración para impulsar iniciativas “orientadas a coñecer e animar a aquelas persoas que incorporan o galego á súa vida”.

Comentarios