O PP da Galiza rexeita que se poida falar en galego no Congreso estatal

Os letrados da Cámara Baixa ven legal o uso do galego, euskera e catalán
Sesión de control ao Goberno no Parlamento galego esta cuarta feira (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Sesión de control ao Goberno no Parlamento galego esta cuarta feira (Foto: Parlamento da Galiza).

O Partido Popular da Galiza manifestou esta terza feira a súa oposición no Parlamento galego a que se permita o uso de linguas oficiais nas intervencións do Congreso español porque consideran que existen "cousas máis importantes" que "preocupan" á cidadanía, como, segundo o deputado José Luís Ferro, unha posíbel "amnistía" para os políticos independentistas procesados para conseguir sacar adiante a investidura de Pedro Sánchez.

"O galego non pode ser unha moeda de cambio para conseguir a Presidencia do Goberno", sentenciou Ferro durante o debate dunha proposición de lei presentada polo BNG que buscaba recadar apoio da Cámara galega á reforma do Regulamento do Congreso español rexistrada polo PSOE, Sumar, Bildu, PNV e o propio Bloque para permitir o uso xeralizado das linguas cooficiais nos debates e iniciativas parlamentarias.

"O PP non está a favor do uso do galego no Congreso. Iso teno que ter claro a cidadanía galega", sentenciou na deputada do BNG Mercedes Queixas, quen, tras mostrar as súas dúbidas sobre se a intervención de Ferro foraescrita por el mesmo polo seu contido "incendiario", lamentou que o Grupo Popular "non queira pensar en por si" e se limite a "obedecer" e "repetir" as palabras do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda.

Pola súa banda, a deputada do PSdeG Noa Díaz incidiu en que se trata dunha cuestión de "vontade política" porque "nin a Constitución nin o regulamento do Congreso impide o uso doutras linguas ou obriga a usar o español", polo que instou o PP a abandonar a súa "estreiteza de miras" e posicionarse a favor de defender "a lingua e a cultura" da Galiza.

Letrados do Congreso informan favorabelmente

Os letrados do Congreso informaron favorabelmente sobre admitir a trámite a reforma legal de tramitación directa e lectura única para poder empregar na Cámara Baixa o catalán, o euskera e o galego. Porén, consideran a súa aplicación “difícil, moi difícil senón imposíbel de forma inmediata ou a curto prazo”.

Os xuristas das Cortes explican a súa opinión “porque a reforma exposta afecta de maneira integral todos os procedementos, así como todos os prazos regulamentarios e, polo tanto, ao enteiro funcionamento da Cámara".Apuntan que "en garantía da seguridade xurídica e do 'ius in officium'", sería necesario "reformular todos os procedementos parlamentarios, tal e como os mesmos se atopan actualmente configurados".

O informe presentado sinala que "desde o mesmo momento en que se permita o uso das linguas oficiais, será preciso asegurar, por unha banda, a comprensión do debate e o obxecto do mesmo, e por outra, dotar de validez xurídica plena as iniciativas sobre as que se discute.

Comentarios