Aprobada a proposición de lei do BNG para restituír a toponimia marítima deturpada

A proposición de lei recibiu o apoio case unánime do Congreso, a excepción de Vox e C's.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O Congreso admitiu a trámite unha proposición de lei presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) para modificar a lexislación vixente para garantir que sexa respectada a toponimia oficial na cartografía das capitanías e os distritos marítimos na Galiza.

O deputado do BNG en Madrid, Néstor Rego, lembrou que os galegos e galegas recuperaron oficialmente a toponimia propia en 1983, coa Lei de normalización lingüística da Galiza após “máis de 500 anos de intentos de castelanización da nosa sociedade e da nosa onomástica, da nosa  antroponimia, hidronimia e toponimia”.

Rego salientou a coincidencia do debate co Día das Letras Galegas e a mostra de apoio á normalización da nosa lingua que supuxo a mobilización convocada en Santiago de Compostela pola plataforma Queremos Galego.

Porén, lamentou que na normativa legal de aplicación, o Real Decreto 638/2007, que regula as capitanías marítimas e os distritos marítimos aínda a día de hoxe sexa empregada toponimia deturpada “que afecta mesmo ás matrículas das embarcacións en provincias marítimas como a de Vilagarcía”.

Apoio case unánime da PL

A Proposición de Lei do Bloque recibiu o apoio da gran maioría das formacións que integran o Congreso. Ademais das outras forzas soberanistas representadas na Cámara baixa, votaron a favor PSOE, PP e Unidas Podemos.

Pola contra, só Vox e C's votaron en contra da modificación da Lei e, polo tanto, en contra de respectar a toponimia propia da Galiza.

Rego lembrou que esta é unha vella demanda da sociedade galega e que xa en dúas ocasión se debateu sobre este uso deformado da toponimia da Galiza: unha Proposición Non de Lei aprobada por unanimidade no Parlamento da Galiza en 2006 e unha Proposición de Lei tamén unánime, enviada ao Congreso en 2008.

Para o deputado do BNG, coa admisión a trámite da PL “dáse un paso máis na conquista dos dereitos dos galegos e galegas que queremos poder vivir con normalidade na propia lingua desde que acordamos  pola  mañá até que nos deitamos pola noite”. "É unha cuestión de mínima coherencia e xustiza”, concluíu.

Comentarios