Presentan doce estudos para comprender as relacións da Galiza coa lusofonía

A obra, titulada 'Galiza e(m) nós' recompila a investigación de autores portugueses' procura entender en profundidade as relacións culturais e históricas entre a Galiza e o mundo lusófono.
Presentación do libro no Pazo de San Roque, en Compostela (Foto: SAMD).
photo_camera Presentación do libro no Pazo de San Roque, en Compostela (Foto: SAMD).

Os Centros de Estudos Galegos en Portugal realizaron un compendio da relación cultural e histórica entre a Galiza e Portugal a través de doce estudos recompilados por María Jesús Botana, Gabriel  André e Carlos Pazos-Xusto.

O libro, titulado Galiza e(m) nós. Estudos para a  compreensão do  relacionamento cultural galego-português, presentouse esta terza feira en Compostela nun acto no que participou o secretario  xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o propio equipo investigador.

Entender as relacións culturais coa lusofonía

A obra consiste nun compendio de 12 estudos que buscan entender en profundidade as relacións culturais e históricas entre a Galiza e o mundo lusófono, co obxectivo de visibilizar textos de autoras e autores portugueses que abordan unha temática galega.

Segundo expuxo Pazos-Xusto, os textos incluídos neste traballo gardan relación co ámbito das Ciencias Sociais, con temáticas sobre historia e cultura. Durante a presentación asegurou que o libro implicou "un traballo complexo atravesado pola situación pandémica" mais que finalmente resultou "frutífero e interesante". 

Valentín García, polo seu lado, destacou o nacemento deste proxecto como primeira iniciativa colaborativa dos Centros de Estudos Galegos presentes en Portugal: o Instituto de Letras e Ciências Humanas, en Braga, da Universidade do Minho; o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Algarve; e na capital portuguesa, no Centro da Universidade Nova de Lisboa.

Pola súa banda, María Jesús Botana resaltou a importancia da colaboración da Secretaría  Xeral de Política Lingüística, que traballou de forma "activa" na coordinación do traballo para "facer posíbel unha edición deste calibre". 

Un proxecto con continuidade

O equipo investigador e o secretario de Política Lingüística aseguraron que o proxecto tería continuidade con varias iniciativas nun futuro. Neste sentido, María Jesús Botana avanzou que xa contan con "algúns proxectos" entre mans dos que aínda "non poden dar a coñecer os detalles".

A presentación inicial do libro realizouse o 24 de febreiro no Festival cultural Convergências Portugal-Galiza en Braga e, aínda que se vai a publicar no país luso, tamén está dispoñíbel de maneira gratuíta a través da web da Universidade do Minho.

Comentarios