'Unha ponte coa lusofonía' retoma as súas actividades con dúas obras galegas

Nesta quinta feira proxectaránse '9 fugas' e 'Homeless Home' no Instituto Camões de Vigo. Os pases forman parte do ciclo impulsado por Abella Producións, que inclúe unha exposición sobre os cineclubes.
Fotograma da película '9 fugas'. (Foto: Filmin) #unhapontecoalusofonía #lusofonía #9fugas #filme #foncortizas
photo_camera Fotograma da película '9 fugas'. (Foto: Filmin)

O ciclo "Unha ponte coa lusofonía", impulsado por Abella Producións, reinicia as proxeccións esta quinta feira, día 25 ás 20 horas, cando se poderán ver 9 Fugas de Fon Cortizo e Homeless Home de Alberto Vázquez no Instituto Camões de Vigo. Os filmes son considerados uns dos “máis impactantes do ano” pola organización, que tamén destaca os recoñecementos que levaron. Estes dous pases volven pór de actualidade o proxecto que pretende achegar ao público galego a creación audiovisual quer da terra, quer chegadas de Portugal e Brasil. 

A creación de Fon Cortizo gañou o premio á Mellor Película no Festival de Xixón, pois as persoas expertas téñeno considerado “un filme rompedor e vangardista cunha fonda pegada na cidade viguesa”. Ademais, outro dos grandes atractivos que pode ter para o público é a súa banda sonora, que obtivo o recoñecemento nos Mestre Mateo.

Pola súa banda, Homeless Home é “outra obra mestra de Alberto Vázquez”, que xa foi distinguida co Premio do Xurado en Annecy, o Premio Quirino e galardóns en Toronto, Cannes, Clermont Ferrand, de forma que se superaron xa os 100 recoñecementos. Ademais, esta porta ao “mundo escuro e sórdido” sobre o que traballa o director conta coa nomeamento aos premios Goya. 

A mostra cinematográfica, que decorre desde hai algún tempo no Centro Cultural Camões, na cidade de Vigo, xa apostou antes no cinema brasileiro con propostas como Bacurau (Kleber Mendonça e Juliano Dornelles), que foi un proxecto gañador do Premio do Xurado no festival de Cannes no ano 2019. Tamén se puido ver xa O véu de Amaní de Renata Diniz. 

Nese intento de conectar as sociedades marcadas pola lusofonía, xa permitiu ver o filme Pedro e Inés, o máis visto de Portugal hai dous anos. Outro dos pases foi o de Noite perpétua de Catarina Romano. 

Ademais, para o 9 de decembro están programadas até seis proxeccións, de cada un dos destinos. 

En paralelo continúa aberta a exposición cos carteis de cineclubes do Brasil, Portugal e Galiza, lembrando así esta ferramenta de difusión do cinema que naceu en 1920.

En concreto, "ten por obxectivo exhibir unha serie de carteis de tres espazos: Mate com Ango, de Duque de Caixas, Brasil; O Porto, da cidade portuguesa homónima; e o Cineclube Pontevedra, na Galiza. "Os carteis constitúen unha mostra do seu traballo ao longo do tempo, da súa visión cinematográfica e do contexto cultural" no que se manteñen.

Comentarios