Jordi Cruz, de Master Chef, descúlpase polas “burlas” ao acento referíndose ao galego como “dialecto”

Após o malestar creado en parte da audiencia cando os xuíces do programa Master Chef, emitido pola TVE, “imitaron” o que consideran o acento galego, o popular cociñeiro Jordi Cruz, un dos buques insignia do programa, desculpouse mais referíndose ao idioma propio da Galiza como “dialecto”.

masterchef
photo_camera Os tres xuíces do programa.

“Se que hai moita xente que se ofendeu pola proba. Podería pedir desculpas por iso. Eu pídoas, mais a intención do programa nunca é meterse con ningún tipo de dialecto nin de zona. Ao contrario; é promovela, é dala a coñecer”.

Así se refería Jordi Cruz, nun vídeo emitido no seu perfil das redes sociais, ao idioma galego após recibir numerosas críticas en relación ao programa emitido pola canle pública española na segunda feira.

No citado programa, para escoller quen formaba parte dos seus equipos, os xuíces optaron por unha proba: tratar de vender percebes como cren que o faría un galego. Foi entón cando quixeron "imitar" o que consideran o sotaque galego, o que espertou malestar en parte da audiencia polo considerado unha "burla".

As desculpas fórono “a medias”, pois o popular cociñeiro matizou a continuación: “Eu non pretende pedir desculpas. Teño tantos amigos e gosto tanto da Galiza que non é a miña intención, mais se alguén se sentiu agredido pola nosa falta de saber galego e o mal que o falamos, mil perdóns, non era a nosa intención”.

Marisco ilegal?

A da lingua non foi a única polémica na estadía do programa na Galiza.

Na retransmisión na TVE podía verse un dos concursantes con dous lumbrigantes femia en cría e con ovas, cuxa pesca e comercialización está prohibida. Profesionais do sector do mar apuntan que puideron empregar marisco ilegal ou ben importalo de Irlanda e facelo pasar como galego.

Campaña pola exclusión do galego na TVE

A Mesa pola Normalización Lingüística promove a campaña “Eu apago a TVE” de cara á vindeira segunda feira, 11 de outubro. Empraza as persoas telespectadoras a apagar La1, La2, Clan, TD e 24H, excepto de 14 a 14.20 horas e de 15.55 a 16.15 horas, cando teñen lugar as desconexións territoriais.

“Mentres tentan facer parodias co galego, RTVE só emite o 0,5% dos seus contidos diarios no noso idioma e dobra ou lexenda o 0%”, lamenta A Mesa.

A crítica chega semanas após coñecerse que a Lei audiovisual que promove o Goberno español exclúe as outras linguas oficiais diferentes ao castelán e días após coñecerse o novo estudo da Real Academia Galega (RAG), que evidencia o "efecto desgaleguizador" do ensino na Galiza.

Comentarios