Pesar na Galiza polo falecemento do escritor Domingo Villar

O novelista estaba ingresado desde a segunda feira no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo por unha hemorraxia cerebral.
O escritor Domingo Villar. (Foto: Europa Press)
photo_camera O escritor Domingo Villar. (Foto: Europa Press)

O escritor vigués Domingo Villar faleceu esta cuarta feira após non poder superar as secuelas dunha hemorraxia cerebral pola que foi ingresado na madrugada da pasada segunda feira no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

As fontes consultadas por Europa Press sinalaron que non haberá capela ardente do escritor, por expreso desexo da familia, que desexa despedir o autor na máis estrita intimidade.

Villar, nado en 1971, foi un dos escritores galegos máis recoñecidos do panorama actual. En gran medida pola tradución dos seus libros a varios idiomas. Ollos de auga foi a súa primeira novela, publicada en 2006, seguida de A praia dos afogados

A súa vida persoal e como novelista estivo moi vencellada a Vigo. Este mesmo ano, o escritor de novela negra fora un dos galardoados co premio Vigués Distinguido.

 Gustáballe describirse como "un pesimista alegre" e como un "artesán que conta historias amodiño e que fala de personaxes emocionados".

A Galiza, consternada

Unha vez se fixo público o pasamento do escritor galego, comezaron a producirse as múltiples mostras de consternación e homenaxe por parte de toda a sociedade galega.

O escritor e xornalista Manuel Rivas dedicoulle nas súas redes sociais uns versos do poema A hora de durmir fóra: "Eu, como o mar, non quería morrer". 

A Real Academia Galega (RAG) expresou o seu "fondo pesar" polo falecemento de Villar, e enviou "todo o seu afecto a súa familia e amizades".

A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Mercedes Queixas afirmou que "cando marcha un escritor as palabras non falan e ficamos algo máis mudas".

Algúns contos para agasallar

O pasado 11 de setembro, Nós Diario publicou unha conversa do escritor co xornalista Manuel Xestoso, na que facía un repaso da súa traxectoria e falaba da súa última obra, Algúns contos completos, un conxunto de pezas acompañadas de ilustracións de Carlos Boanza.

"Son contos amábeis, e a súa intención é sandadora, de traer algo de luz nunha época tan escura como a que estamos a vivir", explicaba Villar.

"Quedounos un libro moi bonito", recoñecía o novelista, "e estou persuadido de que o mérito é de Carlos, que posúe unha creatividade fóra do común e que é o responsábel de que o libro se transformase neste obxecto tan fermoso".

"O mar é o espello que me reflicte a Galiza cando estou fóra", sentenciaba. "Había dúas cousas consubstanciais que nos unía aos meus compañeiros e a min cando eu estudaba: todos tiñamos alguén da familia na emigración e que todos tiñamos alguén moi próximo traballando no mar, dunha forma ou doutra. E creo que iso é algo que en Vigo é materia común. Eu sempre escribo sobre a Galiza e o certo é que as imaxes que me veñen á cabeza cando penso no país son ou as dunha mesa chea de viandas ou as do mar". 

Comentarios