Os EUA triplican as súas vendas de gas ao Estado español este ano

Ao tempo, a importación gasista española desde Alxeria cae 42%.
Planta de gas en Mugardos (Foto: Europa Press).
photo_camera Planta de gas en Mugardos (Foto: Europa Press).

A importación do Estado español de gas procedente de Alxeria caeu 42% no período entre xaneiro e xullo con respecto ao mesmo espazo temporal de 2021, á vez que as compras a Rusia se incrementaron 15,6%, segundo os últimos datos publicados no Boletín Estatístico de Enagás.

Durante o período de referencia, o Estado español comprou 64.534 xigawatts hora (XWh) de gas a Alxeria. O menor protagonismo das compras ao país africano tamén se percibe nos datos acumulados, xa que até xullo a cota de importación alxerina situouse en 24,5%, fronte a 48,8% no ano anterior.

No que respecta a Rusia, o Estado español comproulle 28.265 XWh até xullo e 5.317 XWh só durante ese mes. No entanto, a cifra do mes de xullo supón unha redución de case 40% con respecto a xuño, cando se importou a cifra récord de 8.752 XWh.

Con estes rexistros, Rusia converteuse en xullo no cuarto principal provedor do Estado español, por detrás de Alxeria (23,3%), dos Estados Unidos de América (23,2%) e de Nixeria (16%). Nos sete meses do ano Rusia mantén unha cota de 10,7%, do mesmo modo que en 2021, sendo tamén o cuarto Estado provedor.

Por outra parte, os Estados Unidos de América (EUA) continúan sendo un actor relevante nas importacións gasistas ao Estado español, aínda que durante xullo cedeu o primeiro posto a Alxeria por apenas unha décima.

As compras aos EUA durante xullo ascenderon até os 8.530 XWh, lixeiramente por baixo dos 8.572 XWh alxerinos, que sitúan os EUA cunha cota de 23,2% e Alxeria cunha de 23,3%.

No período acumulado, os EUA desmarcáronse como o principal subministrador de gas ao Estado español, cunha cota de 32,9%, case 10 puntos máis que Alxeria, tras acumular compras por 86.609 XWh. Así mesmo, os datos dos EUA contrastan cos dun ano antes, cando apenas cultivaba unha cota de 9,1% no período acumulado.

No que respecta ás exportacións con Francia, a través da interconexión VIP Pireneos, en xullo situáronse en 3.077 XWh, fronte aos 3.051 XWh de xuño. O Estado español pasou de ser importador a exportador a través deste gasoduto.

Xa en abril se alcanzou unha cifra exportadora do Estado español a Francia de 5.618 XWh e en maio incrementouse 10% con respecto ao mes anterior, até a cifra récord de 6.185 XWh.

En xullo, tamén destacou o incremento na descarga de buques, que se duplicou con respecto ao mesmo mes do ano anterior, até 26.448 XWh. Así, o número de buques descargados impulsouse 92,9% durante xullo, para situarse nas 27 unidades, 13 máis que no mesmo mes de 2021.

Comentarios