O Camiño pode "morrer" de éxito

A Facultade de Filoloxía da USC acollerá, do 27 ao 30 de outubro, un Congreso que analizará, co nome de 'Alianzas e ameazas' a influenza dos Camiños de Santiago nas comunidades locais polas que pasan. Desde a Rede Galabra falan da promoción xacobea como "unha oportunidade perdida".
Dúas peregrinas en Portomarín, na comarca de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Dúas peregrinas en Portomarín, na comarca de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Que pensan as comunidades locais dos Camiños de Santiago? O fluxo de persoas peregrinas aumenta a autoestima e reforza a súa identidade propia ou, pola contra, é perturbador? A súa existencia é un incentivo para a economía e a produción local? Estas son algunhas das preguntas que tentarán obter resposta no Congreso Internacional "Comunidades Locais e Camiños de Santiago" que terá lugar na Facultade de Filoloxía da USC do 27 ao 30 de outubro.

Os Camiños, impulsados desde a Xunta da Galiza como motor económico e turístico desde o Xacobeo 1993, non están exentos de conflitos que aumentaron nos últimos anos, agás coa presenza da pandemia, pola súa crecente masificación. Partindo dos estudos realizados polo grupo de investigación Rede Galabra de Estudos na Cultura, dirixido por Elías J. Torres, en Compostela, o evento científico profundará no debate do coñecemento das comunidades que viven de maneira directa e diaria o fenómeno xacobeo. 

Galabra, nun primeiro traballo a partir de máis de 400 entrevistas, xa descubriu algunhas das características que logo apareceron noutras investigacións. 

O protagonismo para as comunidades

Emilio Carral, membro de Galabra e da organización deste congreso, explica a Nós Diario que a intención principal da súa realización "máis alá dos datos estatísticos habituais de visitantes" é "darlle o protagonismo ás comunidades que viven no Camiño, non ás entidades locais, como é o caso dos concellos". Unha pista sobre o desenvolvemento das comunicacións, debates e conferencias xa nos achega ao titular o propio encontro científico salientando 'Alianzas e ameazas'. 

Porén, buscarán tamén respostas a se merece a pena para as comunidades locais contar co Camiño, se hai interacción coas persoas que peregrinan ou se son só un fluxo de persoas que non se detén até chegar a Compostela. "No proxecto presentado hai tres meses e realizado en catro comarcas, desde Triacastela até Arzúa, observamos como hai algo diso, se cadra promovido desde a propia Igrexa que o que lle interesa é só que cheguen até a Catedral de Santiago e mesmo lles molesta que se continúe até Fisterra", explica Carral. 

"O Camiño pode morrer de éxito"

"Constatamos como, no caso de Santiago, hai cada vez máis dificultade para o comercio local polo encarecemento dos prezos dos locais e o conseguinte desprazamento da poboación para mercar nas grandes superficies", sinala este investigador, "malia todo, vemos o Camiño como unha grande oportunidade que non vai ben encamiñada". 

Pon como exemplo o estudo que realizaron sobre a opinión e situación das casas de xantar no que trataron sobre que oferta culinaria tiñan, que produtos empregaban en relación á proximidade da súa procedencia e a importancia económica por estar situados na ruta Xacobea. "A primeira conclusión foi que o Camiño é unha oportunidade perdida para o desenvolvemento sociocultural", sentencia este investigador. 

Segundo o estudo, no Camiño a oferta gastronómica galega é moi baixa, non chega ao 30%, con pratos moi estandarizados que se repiten adaptándose "ao que se supón que queren comer". Aínda así, nas enquisas a contestación das e dos propietarios dos estabelecementos sinalaban que era moi importante apostar polo produto local "por ser un apoio á economía da zona e un indicador de sustentabilidade".

Pola contra, o estudo indica que fóra do Camiño a oferta gastronómica galega era "algo superior". Tamén coincidían en sinalar que o Camiño era importante na identidade do seu municipio "cando os datos da investigación sinalaban que non deixaba se ser un transito de xente que deixaba diñeiro". 

Pouco gasto a primeira vez que se fai o Camiño

Do traballo de investigación realizado en Compostela sacouse como conclusión económica que o gasto realizado, neste caso na cidade, era importante mais moi superior "cando a xente volvía por segunda ou por terceira vez" lonxe do "turismo a granel que se vende". 

Carral considera este dato relevante por ser un indicador de calidade. "Se unha persoa recunca nun destino, os comportamentos son moi distintos e os consumos son diferentes, chegando a favorecer os produtos propios" achegándose aos hábitos dos propios veciños e veciñas, "ou sexa, comportándose como viaxeiro e non como turista". O problema vén, para Carral, "cando se promove un turismo masificado que bota para atrás o de calidade".    

A sustentabilidade do turismo a debate

No Congreso organizado pola Rede Galabra un dos temas que centrarán as diversas intervencións xirarán ao redor do turismo sustentábel e responsábel e da súa importancia para a calidade de vida das comunidades locais que habitan as diferentes localidades polas que pasan os Camiños. 

Comentarios