Freixanes, ante os datos de competencia lingüística: "Algo está a fallar, non miremos para outro lado"

O presidente da Real Academia Galega afronta o seu novo mandato co reto de potenciar o uso do galego entre a mocidade. 

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes [Imaxe: Real Academia Galega].
photo_camera O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes [Imaxe: Real Academia Galega].

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, renovou o seu mandato á fronte da institución cunha chamada á responsabilidade dos poderes públicos e á sociedade ante a situación do idioma entre a mocidade, especialmente polos desequilibrios de competencia e coñecemento detectados nas contornas urbanas: "Algo está a fallar, non miremos para outro lado", afirmou.

A Academia deu a coñecer esta semana o resultado dun rigoroso e profundo estudo sociolingüístico no que analiza o grao de competencia en galego e en castelán co que o alumnado remata os seus estudos no ensino secundario obrigatoria.

O informe reflicte un acusado desequilibrio, especialmente nas contornas urbanas. A pesar de que o alumnado galegofalante mostra un dominio similar en ambos idiomas, máis do 35% do estudantado castelanfalante presenta unha escasa competencia no idioma propio da Galiza.

A RAG pon enriba da mesa os datos, mais a execución das medidas "depende da iniciativa civil e da iniciativa política", explicou Freixanes

Do mesmo modo, o documento constata a maioría de uso do castelán entre a mocidade. Así, o 70% das e dos participantes responderon que falan única ou preferentemente en castelán fronte a un 30% que se comunica en galego de forma prioritaria.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, o escritor e docente reivindicou o papel exercido pola Academia para, a través deste tipo de investigacións e estudos, "chamar a atención" sobre "aqueles aspectos que deben ser reforzados". Pola contra, lembrou que a institución "realiza propostas" na medida das súas posibilidades, mais a execución das medidas "depende da iniciativa civil e da iniciativa política".

"Creo que hai que facer unha reflexión, que algo non estamos a facer ben", considerou o presidente da RAG

"Hai un universo de persoas e institucións que teñen que comprometerse, a lingua é algo de todos", advertiu, para matizar que a potestade para regular a política lingüística do territorio está nas mans do Goberno galego. "Creo que hai que facer unha reflexión, que algo non estamos a facer ben", considerou respecto diso.

O Decreto, non cumpre

O presidente da Academia insiste en que as cifras evidencian unha realidade moi clara: que boa parte dos "futuros cidadáns galegos" sae do sistema educativo sen competencia en ambos os idiomas e "sobre todo nos ámbitos urbanos".

Neste sentido, instou a non mirar "para outro lado" ante a evidencia de que as formulacións unánimes plasmadas na Lei de normalización lingüística "non se cumpren" na actualidade coa normativa e o modelo implantado pola Xunta nos centros de ensino.

O académico Henrique Monteagudo advertiu que a implantación do sistema plurilingüístico desde 2010, impulsado por Feixoo, acentuou aínda máis ese desequilibrio a favor do castelán

Outro dos membros do seu equipo e un dos impulsores do estudo, o académico Henrique Monteagudo, tamén advertiu esta semana de que o cambio na lexislación realizado polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo, coa implantación do sistema plurilingüístico desde 2010 e a supresión da discriminación positiva do galego nos centros, acentuou aínda máis ese desequilibrio a favor do castelán.

Freixanes sinalou que "moitos pais denuncian" en zonas como Ames, Brión ou Bertamiráns que os seus fillos volven da escola "falando en castelán" e que "deixan de falar galego", a pesar de ser a lingua coa que foron educados na casa e coa que os seus proxenitores se comunican con eles.

"Algo está a pasar e iso ocorre e está documentado. O que sobran son estudos, non só da Academia, tamén as universidades, o Consello da Cultura Galega...", insistiu.

Pola contra, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quitou ferro ao asunto e declarou, en sede parlamentar e após coñecer o estudo publicado pola RAG, que o número de galegofalantes non se reduciu nos últimos anos senón que mudou. "Galiza en 40 anos non é o mesmo país, e se cambiou Galiza como non ían mudar os galegofalantes?". “Os resultados avalan a política lingüística da Xunta", afirmou, engandindo que deben "seguir nesa liña”

Non obstante, xa a mediados de decembro de 2019, o Comité de Ministros da Carta europea de linguas rexionais e minorizadas denunciou a situación da lingua galega. O documento advertiu da “diminución do número de falantes” e de que “a transmisión de idiomas de pais a fillos xa non está garantida, polo que a proporción de alumnos con coñecemento do galego como lingua tamén caeu de modo significativo”. "presenza do galego é insuficiente no ensino, especialmente a nivel preescolar", recollía o informe. Unha situación que A Mesa pola Normalización Lingüística vén denunciando. 

Novos espazos para o galego

O presidente da RAG mostrouse disposto a afrontar o reto de ilusionar e conectar ás novas xeracións co idioma e explicou que para iso será necesario levar a lingua aos novos formatos, á tecnoloxía e a aqueles espazos nos que as mozas e os mozos interactúan e socializan.

É por iso que a Academia potenciará as iniciativas e a actividade relacionada coas redes e o audiovisual, "dando cancha e escaparate aos novos creadores" e situándose como plataforma de dinamización "pensando nesas novas xeracións".

"Eu son un comunicador e entendo moito o significado desa actividade. Por iso estivemos a traballar moito na renovación da web, a incorporación nas novas tecnoloxías, os novos creadores... seguiremos e continuaremos aí", explicou.

Propostas para a sociedade

Estes proxectos deben pasar tanto polo ámbito da creación como por "as novas linguaxes", como evidencian as "moitas consultas" que chegan á institución de familias que preguntan por propostas para os seus fillos, materiais ou alternativas de lecer en lingua galega.

"Afortunadamente hoxe avanzamos moitísimo", sinalou, grazas a unha calidade da edición "moi grande" na escrita, pero tamén con material audiovisual e outras propostas, como debuxos animados, películas ou publicidade, nas que aínda hai que incidir.

Á RAG chegan familias que preguntan por propostas para os seus fillos, materiais ou alternativas de lecer en lingua galega

Outro ámbito de acción debe ser o estudo e a comunicación, sobre todo co obxectivo de que a lingua "estea presente na cultura do século XXI" e nun contexto mundial marcado pola globalización.

"Non improvisamos, nin emitimos opinións porque se nos ocorren. Leva tempo de traballo e esa dimensión científica ten que potenciarse", engadiu, ben "con recursos propios" ou "unir esforzos" con outras entidades como a universidade, o ILG ou o Consello da Cultura, entre outras.

Ao mesmo tempo, a Academia debe manter a súa "responsabilidade de servizo", a través do papel do dicionario, departamentos como o de lexicografía, toponimia, e o grande obxectivo da gramática, un "compromiso histórico" e unha iniciativa "moi ambiciosa" que esperan poder presentar neste novo período.

A comisión executiva do novo equipo de Víctor Freixanes está conformada por Margarita Ledo Andión como secretaria; Fina Casalderrey na tesouraría; Marilar Aleixandre no posto de arquiveira-bibliotecaria e Henrique Monteagudo na vicesecretaría.

A RAG, ao mínimo 

Tamén recoñece a importancia de lograr unha mellora no financiamento e os recursos da entidade, que "todos os anos" atópase "petando nas portas das institucións públicas" ou fundacións e entidades privadas para "pedir apoios e financiar proxectos".

"Por unha banda necesita un mínimo para poder desenvolver a súa actividade con dignidade, e por outra, para proxectos de investigación, estudos de campo que necesitan recursos económicos", explicou.

Freixanes insistiu que a Academia galega está "moi por baixo" en termos económicos que os seus equivalentes en Catalunya e Euskadi, o que lles obriga a estar en "conversación permanente" coa Xunta.

"Hai cousas que si imos avanzando. Hai que ir subindo a escaleira. Comprendo que non se arranxe da noite para a mañá, que hai prioridades... mais sempre teño esa esperanza", sinalou.

Comentarios