"A xente non fala a lingua que se marca nun decreto", considera Política Lingüística

Valentín García di que monolingües en galego só se atopan en zonas "moi rurais".
O Secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García (Foto: Xoán Crespo / Europa Press)
photo_camera O Secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García (Foto: Xoán Crespo / Europa Press)

O secretario xeral de Política Lingüística do Goberno galego, Valentín García, sostivo esta quinta feira, 29 de abril, en sede parlamentar que o número de galegofalantes non se reduciu nos últimos anos senón que mudou. "Galiza en 40 anos non é o mesmo país, e se cambiou Galiza como non ían mudar os galegofalantes?", preguntouse, afirmando que a poboación optou por trasladarse do rural ás contornas urbanas onde o castelán ten maior predominancia. 

Nese sentido, considerou que mudar eses comportamentos non é doado para os Gobernos, "ninguén fala a lingua que se marca nun decreto", engadiu. "Falantes monolingües en galego agora mesmo hai que buscalos en ámbitos moi rurais cuns hábitos de vida moi específicos", aseverou, negando que mesmo o euskera teña falantes monolingües.

"Non existen", dixo, sostendo que "na sociedade en que vivimos non podemos pedir á xente que sexa monolingüe en galego". 

Pese aos negativos datos para o galego revelados esta semana pola Real Academia Galega, que constata nun estudo do seu Seminario de Sociolingüística que 35% do alumnado galego castelanfalante finaliza a ESO con escasa competencia en galego e que case 70% do estudantado fala única ou preferentemente o castelán, o secretario xeral de Política Linguïstica do Goberno galego asegurou que “os resultados avalan a política lingüística da Xunta" e que se debe "seguir nesa liña”. 

Na súa comparecencia no Parlamento, García  expuxo as liñas de traballo do seu departamento, que aumenta o seu orzamento en 53% respecto ao ano pasado. Ao que respondeu a deputada do BNG Mercedes Queixas recordando que tal incremento orzamentario só alcanza 59% do orzamento que en 2009 -co Goberno galego do PSdeG e BNG- tiña Política Lingüística. 

García referiuse ao Instituto Galego de Estatística para soster que os datos indican que "hoxe falan galego máis persoas na Galiza que hai cinco anos". Respondeulle a deputada socialista Noa Díaz indicando "se comparamos os datos [da RAG] cos do ano 1995, o número de persoas que aprenderon a falar inicialmente en galego descendeu case vinte puntos porcentuais mentres a porcentaxe de bilingües iniciais aumentaba”.

Durante a exposición, García referiuse ás distintas liñas en marcha en colaboración coas universidades galegas para estudar e analizar as interaccións nas redes sociais coa lingua galega e citou o aumento orzamentario previsto para os programas de promoción do galego así como para actividades de formación, cun aumento de 77%.

Comentarios