“Queremos vivir en galego”: un 17 de maio para reivindicar desde a sociedade unha mudanza da política lingüística

‘Queremos Galego’ convoca unha concentración na Praza do Obradoiro polo Día das letras galegas: “Para reverter a situación da lingua galega os éxitos na denuncia internacional teñen que se seguir acompañando da mobilización social para mudar a política lingüística".

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Representantes da xestora da plataforma cidadá Queremos Galego anunciaron esta cuarta feira unha concentración na Praza do Obradoiro o vindeiro 17 de maio baixo o lema “Queremos vivir en galego”. "Os éxitos na denuncia da situación da lingua galega teñen que ir acompañados da mobilización social para revertela e mudar a política lingüística da Xunta e do Estado", sinalou o voceiro da plataforma, Marcos Maceira.

A plataforma anima as persoas interesadas en participar nesta mobilización a reservar a súa praza na mesma inscribíndose na web queremosgalego.gal. A organización distribuirá o espazo entre as primeiras persoas que se inscriban, mantendo a distancia e cumprindo todas as medidas de seguranza sanitaria.

"Desde decembro do 2019 até hoxe contamos cun informe da ONU e dous do Consello de Europa que recollen o que vimos denunciando: que o marco legal para o ensino non respecta a Carta Europea das Linguas, que na xustiza non se garante o uso do galego en calquera proceso ou as dificuldades para a atención na administración pública" salientou Maceira.

Desde a plataforma incidiron que a sociedade galega mantivo este ano a súa mobilización, con diferentes e variadas iniciativas para gañar novos espazos para o galego ou evitar retrocesos noutros. Destacaron a Inicitiva Xabarín, que chega ao Parlamento con máis de 33.000 sinaturas para garantir a posibilidade de gozar de contidos audiovisuais en galego, nomeadamente para a infancia e a mocidade.

"Atender as demandas da sociedade"

"Temos, por tanto, un 17 de maio para celebrar os pequenos pasos e para reclamar avances nos que a administración da Xunta e do Estado teñen xa que atender as demandas da sociedade galega e das institucións internacionais" asegurou o voceiro de Queremos Galego.

A reinvidicación é "queremos vivir en galego". "Queremos vivir en galego con toda liberdade, con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións", explicaron. "Podermos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo, un dereito humano recollido na declaración universal dos dereitos humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta Europea das linguas, mais que para o galego aínda temos que conquistar día a día", concluíron.

Na rolda de anuncio da mobilización participaron Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, Patricia Varela (AS-PG), Lucía López (BNG), Suso Bermello (CIG-Ensino) e Camilo Nogueira (AELG).

Comentarios