luns 17/05/21

O Estado avala a política lingüística da Xunta

O Goberno de Sánchez sinala que “non existen limitacións ao ensino do galego”
Mobilización en defensa do idioma convocada por Queremos Galego. (Foto: Europa Press)
Mobilización en defensa do idioma convocada por Queremos Galego. (Foto: Europa Press)

A Carta europea de linguas rexionais e minorizadas é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado español ratificou en 2001. A mediados de decembro de 2019, o Comité de Ministros da Carta europea de linguas rexionais e minorizadas denunciou a situación da lingua galega. O documento advertiu da “diminución do número de falantes” e de que “a transmisión de idiomas de pais a fillos xa non está garantida, polo que a proporción de alumnos con coñecemento do galego como lingua tamén caeu de modo significativo”.

O informe do Consello de Europa afirmou que “a presenza do galego é insuficiente no ensino, especialmente a nivel preescolar”, destacando, ao tempo, que “no ensino secundario non se imparten grandes materias científicas en galego. No ensino non universitario, a normativa actual non permite impartir máis de 50% dos cursos en galego. Aínda non hai posibilidade de ofrecer un currículo en galego en ningunha institución preescolar, primaria ou secundaria”.

O Comité de Ministros do Consello de Europea estabeleceu tres recomendacións a executar de forma “inmediata” co obxectivo de mellorar a protección e promoción da lingua galega. Neste sentido, exixiu ao Estado español eliminar as limitacións á docencia en galego en todos os niveis de educación, modificar a Lei orgánica do poder xudicial para garantir o uso do galego nos procedementos xudiciais e garantir que o galego sexa lingua oficial na Administración do Estado na Galiza.

O Goberno estatal vén de facer pública a súa resposta ás recomendacións do Comité de Ministros do Consello de Europea. Segundo o recollido nun documento ao que tivo acceso Nós Diario, o Executivo de Madrid destaca os avances que se teñen dado nos últimos anos na introdución do galego na Administración de Xustiza e do Estado. Porén, no propio relatorio, recoñécese que entre 2014 e 2017 o Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), organismo dependente do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, non destinou nin un só euro á promoción de galego.

Ademais, no informe remitido ao Consello de Europa recóllese: “Pódese afirmar, pois, que non existen limitacións ao ensino do galego na Galiza, senón o seguimento dun sistema de ensino bilingüe que, por outra banda, avalan múltiples estudos científicos, así como os resultados obtidos. Así pois, débese atribuír á implantación deste modelo de ensino de linguas na Galiza a maior parte dos datos positivos que os estudos sociolingüísticos expón sobre coñecemento e adquisición da lingua galega na poboación en calquera dos tipos de competencia: comprensión oral e escrita; expresión oral e escrita”.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, amósase moi crítico coa resposta do Estado ás recomendacións do Comité de Ministros do Consello de Europa. En declaracións a Nós Diario salienta que “até agora en todos os informes do Consello de Europa demostrouse que hai unha persecución contra o galego por parte da Xunta pero agora sabemos que é unha política partillada polo Estado, como demostra este informe”.

“O galego está prohibido no ensino e a consecuencia diso explícase que un de cada catro menores de 15 anos non sabe falalo. Afirmar, como se indica no informe, que o normal na Galiza é celebrar os xuízos en galego é tratarnos de parvos”, remata Maceira. 

comentarios