Dimite o responsábel do exame de galego da ABAU que eliminara do temario a historia do idioma anterior a 1981

Gómez Clemente presentou a súa dimisión alegando “motivos persoais”. 

Exames de ABAU en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Exames de ABAU en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O responsábel do exame de Lingua Galega e Literatura da ABAU, Xosé María Gómez Clemente, que eliminara do temario a historia do idioma galego anterior á súa oficialización en 1981, presentou a súa dimisión por "motivos persoais".

Así o adiantou este domingo eldiario.es e o confirmaron fontes consultadas pola axencia Europa Press. Posteriormente, Nós Diario, quen tratou de contactar, sen éxito, en múltiples ocasións con Gómez Clemente, tivo coñecemento de que este dimitiu ao día seguinte de facerse pública a circular sobre o contido do exame de Lingua Galega e Literatura.

Gómez Clemente era o director do grupo de traballo que o pasado mes de outubro emitiu unha instrución que estabelece que as preguntas sobre a historia do idioma galego centraranse en todo o posterior a 1981, cando se fixo idioma oficial co Estatuto de Autonomía da Galiza. Desta maneira, non se abordarían temas anteriores a ese ano, como, por exemplo, a represión que sufriu durante o Franquismo.

"As preguntas sobre a historia da lingua centraranse no galego despois da súa oficialización en 1981", recolle textualmente a instrución colgada na web da Comisión interuniversitaria de Galicia (CiUG), órgano que organiza as probas da antes chamada selectividade.

Neste escrito, asinado por Xosé María Gómez Clemente, explícase que o modelo de exame non recibe ningunha variación, pero si no que respecta aos contidos, fundamentando esta decisión na publicación por parte da Xunta da Galiza dos novos currículos de Bacharelato aprobados para adaptalos á nova lei educativa estatal (Lomloe).

Entre os principais cambios, que non afectan á literatura (no seu caso, si se inclúen contidos dos séculos XX e XXI, sen matices), figura esta eliminación da situación do galego anterior a 1981 do temario da ABAU.

Con todo, a CiUG tiña a postestade de mater o temario da ABAU como estaba até o de agora, polo que se ben a decisión é da CiUG, a responsabilidade última recae no Executivo galego.

Segundo recolle eldiario.es, a nova responsábel é a lingüista e académica Ana Boullón. Con todo, dado que se incorpora ao cargo co curso iniciado, Boullón xa manifestou a súa “vontade de non facer cambios”.

Comentarios