venres 24/09/21

Dobre discriminación por solicitar a documentación sobre a vacina en catalán: "Pídelo en gallego, gilipollas"

O denunciante, residente en Mislata, Valencia, censura a negativa do médico que o atendeu a ofrecerlle a documentación en catalán mais a coacción duns policías que facían cola e que lle berraron: “Pídelo en gallego, gilipollas".
Viais da vacina de AstraZeneca contra a Covid-19. (Foto: Rober Solsona / Europa Press).
Viais da vacina de AstraZeneca contra a Covid-19. (Foto: Rober Solsona / Europa Press).

Segundo recolle o diario local dBalears, un veciño de Mislata, Valencia, denunciou que foi vítima dunha dobre discriminación por intentar obter a documentación sobre a vacina contra a Covid-19 en catalán.

Joan F. Prim acudiu a pasada segunda feira, 7 de xuño, ao seu punto de vacinación para obter a documentación necesaria para poder recibir a segunda dose de AstraZeneca. Como esta era a súa escolla -non a de Pfizer- debía asinar o consentimento de excepción de responsabilidade que acordou o Goberno para o caso das persoas menores de 60 anos pendentes da segunda picada que xa recibiran AstraZeneca.

"Pídelo en gallego, gilipollas"

Prim reclamou a documentación en catalán, mais só lla ofreceron en castelán. Ante a súa demanda, Joan F. Prim asegura que o médico que o atendeu lle negou este dereito e engadiu: "Ou asinas ou poño que renuncias e quéixaste á Consellaría, que isto é un centro de vacinación".

Segundo explicou a vítima, como o médico se expresou berrando, tres axentes de policía fóra de servizo que facían cola no mesmo punto, achegáronse para apupalo e apremalo a marchar, dicíndolle: "Pídelo en gallego, gilipollas".

Ante as presión e a ameaza de que quedaría sen vacinar, Prim asinou a documentación en castelán, mais fixo constar no propio consentimento a súa desconformidade co feito de que non estivese en valenciano.

comentarios