venres 25/06/21

O galego, excluído do sistema sanitario no ano da Covid

A Liña do Galego tramita 150 expedientes lingüísticos en 2020
Celia Armas, María Muíño e Marcos Maceira na presentación do informe da Liña do Galego. (Foto: Nós Diario)
Celia Armas, María Muíño e Marcos Maceira na presentación do informe da Liña do Galego. (Foto: Nós Diario)

A Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) deu a coñecer nesta sexta feita o informe anual da Liña do Galego referido a 2020. A Liña do Galego é un servizo gratuíto, ofrecido pola entidade en defensa da lingua galega e dirixido a toda a poboación, que atende consultas sobre dereitos lingüísticos e tramita queixas cara ás institucións ou empresas que os vulneran. 

A presentación do documento, realizada nas dependencias da Deputación da Coruña polos directivos da MNL Marcos Maceira e Celia Armas e pola responsábel de lingua da institución, María Muíño, serviu para divulgar as xestións formuladas o pasado exercicio dentro da Liña do Galego, onde se tramitaron 219 queixas, 20 consultas e 111 parabéns recibidos a través das chamadas telefónicas, correos electrónicos e mensaxes a través da propia App do programa.

O informe da Liña do Galego de 2020 destacou a vulneración dos dereitos lingüísticos por parte do Servizo Galego de Saúde, nun ano marcado pola situación de emerxencia sanitaria. A este respecto, o documento denunciou que as citacións para as probas PCR só se realizaron en castelán, a exclusión do galego na liña de atención telefónica habilitada para a Covid-19 ou a eliminación do galego dos protocolos e formación para os sanitarios. Desde a Mesa pola Normalización Lingüística lembraron como “os protocolos internacionais de garantía do dereito á saúde indican que esta debe ofrecerse na lingua da persoa usuaria, mesmo no caso de que esa lingua teña escasa ou nula presenza no noso territorio”. 

Visualizar a realidade

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, lembrou na súa comparecencia que “cómpre visualizar a realidade, denunciar quen nos nega a posibilidade de utilizar a nosa lingua no noso propio país, como primeiro paso para reclamar que o dereito a utilizarmos o galego sexa plenamente respectado dándonos sempre esa opción”. “Só procuramos que o galego estea tan dispoñíbel, sexa tan audíbel e tan visíbel na Galiza como é o castelán en Madrid”, significou Maceira, quen aseverou que “a tan proclamada igualdade non é real, se a posibilidade de uso das linguas non ten iguais dereitos e deberes”.

A secretaria xeral do colectivo, Celia Armas, destacou que o traballo desenvolto pola Liña do Galego de tratamento, asesoramento, difusión e atención das queixas conseguiu que se emendaran algúns comportamentos e políticas lingüísticas de empresas e administracións públicas, como a App Radar Covid, os parquímetros da zona ORA do Concello de Vigo, a aprobación da ordenanza de normalización lingüística do Concello da Coruña ou os informes emitidos polo Consello de Europa. 

A responsábel de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño, parabenizou a Mesa pola iniciativa Xabarín e denunciou “o incumprimento dos compromisos adquiridos tanto polo Goberno galego como polo Goberno do Estado para garantir o uso tanto no ámbito da xustiza como no do ensino, onde se observan barreiras en todos os niveis”.

Ao tempo, significou o compromiso da institución coa lingua con varias liñas de traballo, desde programas de normalización á formación especializada para equipas dos concellos e pediu á Xunta “responsabilidade, compromiso e aceptación da realidade para reverter a situación”.

comentarios