Decisión controvertida: Asturias gaña a batalla e oficialízase a ría de Ribadeo como “ría del Eo”

O Instituto Xeográfico español atendeu a solicitude do Principado de Asturies para oficializar o nome de “Ría del Eo”. Ribadeo asegura que recorrerá a resolución porque “ría del Eo” non se axusta á historia.

Vista da ría de Ribadeo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Joaquín Milans / Turismo de Ribadeo)
photo_camera Vista da ría de Ribadeo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Joaquín Milans / Turismo de Ribadeo)

No mes de abril o Instituto Xeográfico español comezaba a tramitación da petición do Principado de Asturies para conseguir facer oficial “ría del Eo” para se referir á ría de Ribadeo, o estuario que marca a fronteira administrativa entre a Galiza e Asturies.

Sete meses despois, o citado instituto fallou a favor da Consellaría de Cultura, Política Lingüística e Turismo de Asturies, de maneira que o topónimo “ría del Eo” xa é oficial, ao igual que o de ría de Ribadeo.

O Principado alegou que “ría del Eo” aparece recollido en documentos de 1871, motivo que deu pé ao visto e prace dese topónimo para se referir á ría de Ribadeo. Así, a partir de agora, “ría del Eo” posúe o mesmo nivel de oficialidade e uso que ría de Ribadeo.

Incluiranse “ambos os topónimos en todas as bases de datos xeográficas producidas polas Administracións públicas integradas no Sistema Cartográfico Nacional”, así como da “Administración Xeral do Estado”, indica a resolución, con data de 29 de outubro.

Ribadeo anuncia que recorrerá

Ante a decisión do Instituto Xeográfico español -organismo coa competencia na oficialización de topónimos que afecten a máis de unha comunidade-, o Concello de Ribadeo anunciou que recorrerá a oficialización de “ría del Eo”. Ría de Ribadeo, defende o alcalde, Fernando Suárez, “é o único topónimo oficial posíbel”.

O rexedor nacionalista pon de manifesto que “ría del Eo” é de uso recente e “propio de rexistros aos que non se lles pode outorgar carácter oficial”. Advirte, ademais, de “serias inconsistencias” na defensa do Principado.

Un informe do Consello da Cultura Galega, encargado polo Goberno galego, avala a denominación ría de Ribadeo, baseándose en documentación histórica.

"Ría de Ribadeo é a forma que avalan a documentación e a cartografía históricas ao longo dos séculos", pon de manifesto o CCG no citado informe, que salienta que en mapas e cartas náuticas de distintos séculos e de diferente autoría apostan no topónimo ría de Ribadeo.

“O topónimo excede con moito o uso local e invalida o argumento de que poida tratarse dunha tradición exclusiva da beira occidental”, pon de manifesto o organismo que preside Rosario Álvarez.

O CCG entende que a iniciativa asturiana responde a "unha acción de política lingüística que ten como efecto colateral introducir unha anomalía denominativa onde non a había".

Tamén se pronunciara ao respecto a Deputación de Lugo, que presentou alegacións para defender o topónimo ría de Ribadeo e aprobou en pleno unha iniciativa para manter como única forma oficial a galega.

Comentarios