Un novo caso de contaxio da Covid-19 nunha persoa que xa completara a pauta de vacinación volve amosar que a pandemia segue activa na Galiza. Se até o de agora transcenderan os casos activos de varias usuarias de residencias de maiores e doutras persoas, agora é un cargo público o que comunica que padece coronavirus.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, xa tiña completada a inoculación da vacina contra o virus cando sufriu o contaxio. Agora permanece no fogar en corentena polo positivo.
"A pesar de ter desde hai días as dúas doses da vacina contra a Covid-19, acabo de recibir os resultados dunha PCR á que me sometín esta fin de semana por notarme con algún dos síntomas propios desta enfermidade", explica o propio afectado.
Suárez asegura que se "atopa ben" polo que ten previsto traballar "por medios telemáticos" para que o Concello teña un "normal funcionamento" nos próximos días.
Malia insistir no seu "perfecto estado de saúde", o rexedor subliñou que a súa situación debe trasladar publicamente que "nin a vacina evita que se poida contaxiar". De feito, deste asunto xa teñen falado diversos profesionais, que remarcaron que os fármacos poden inmunizar por completo ou reducir a afección da enfermidade en caso de contraela.
Unha nova vítima
Nesta segunda feira tamén transcendeu que a Covid-19 causou unha nova vítima na Galiza. As autoridades sanitarias comunicaron o pasamento dunha muller de 76 anos que eleva o número de mortes relacionadas coa pandemia até as 2.443.
O que non transcendeu é se esta persoa, que estaba a ser atendida no hospital compostelán e padecía patoloxías previas, tamén fora vacinada.