A Deputación de Lugo presentará alegacións en defensa do topónimo “Ría de Ribadeo”

O Goberno provincial levará ao pleno  unha proposta de apoio ao mantemento do topónimo oficial do estuario entre Galiza e Asturias

Ribadeo (Foto: Turismo.gal)
photo_camera Ribadeo (Foto: Turismo.gal)

A  Deputación de Lugo presentará alegacións en apoio ao mantemento do nome oficial de “Ría de Ribadeo” no procedemento aberto polo Goberno do Estado para admitir o nome de “Ría do Eo”.

Así se recolle na proposta que o Goberno provincial levará ao pleno de hoxe, 27, segundo anunciou a deputada Mónica Freire. A tamén concelleira ribadense explicou que “a institución provincial presentará as alegacións acompañadas dun informe técnico que recollerá a documentación e argumentación histórica e linguística que avala o mantemento de Ría de Ribadeo como topónimo oficial do estuario”

“A Deputación de Lugo non pode quedar ausente na defensa da nosa toponomia e do nome historicamente empregado por habitantes de Galiza, Asturies e de calquera outra latitude para referirse ao estuario”, expuxo a deputada nacionalista.

Segundo se recolle na proposta do Goberno provincial, “Ría de Ribadeo” foi o único termo empregado na oralidade polos habitantes das dúas beiras da ría até que hai poucas décadas se introduciu un “debate imposto e interesado” que en ningún momento existira na sociedade eo-naviega.

Asi mesmo, a moción, promovida polo BNG, alude á “abundante documentación” que acredita a oficialidade da nomenclatura “Ría de Ribadeo”,  documentos históricos como cartas do almirantado inglés datadas no século XVI e informes de natureza técnica e científica recollidos en cartografía hidrográfica, topográfica, atlas e publicacións xeográficas a nivel mundial.

Alén diso, a proposta sinala que o recoñecemento de Ría del Eo como topónimo oficial iría en contra de toda a nomenclatura oficial existente no referentes ás rías galegas e asturianas nas que os nomes rexistrados coinciden co nome da localidade, non do río.

A deputada Mónica Freire instou “a Xunta de Galiza a seguir os pasos da Deputación de Lugo e implicarse no proceso administrativo para que “Ría de Ribadeo” se manteña como único topónimo oficial do estuario”.

Comentarios