O Concello de Redondela reclama ao Ministerio de Presidencia a versión en galego do BOE

Redondela impulsa unha iniciativa a prol do galego.
Redondela reclámalle ao Estado o cumprimento dos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas.
photo_camera Redondela reclámalle ao Estado o cumprimento dos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas.

O Concello de Redondela vén de rexistrar ante o Ministerio de Presidencia unha solicitude formal para poder acceder ao Boletín Oficial do Estado (BOE) en galego.

A iniciativa concretouse tras comprobar que dende hai tempo o BOE non ten dispoñíbel a versión en galego.

Segundo informa a entidade local nun comunicado, "desta maneira, a documentación que se publica ou anexos para realizar trámites ante a Administración Xeral do Estado ou que afecte ás comunidades autónomas só ten a opción do castelán".

Fronte as falsidades da imposición do galego, a realidade é teimuda e vén demostrarnos acotío que o galego é excluído

Por este motivo, o Servizo de Normalización Lingüística, departamento que depende de Alcaldía, solicitou por rexistro do Ministerio "a pronta rectificación e reparación desta carencia".

O servizo de normalización de Redondela presentou un informe, amparado pola lexislación lingüística, explicando as obrigas do Estado cara ao cumprimento da cooficialidade do galego.

Galego, tamén na web

Aproveitando esta intervención, o Concello de Redondela solicitou tamén a incorporación do galego en webs dependentes deste Ministerio como son Patrimonio Nacional (que só ofrece os seus contidos en castelán e inglés) ou o Centro de Estudos Políticos e Constitucionais.

"Desde a Administración local debemos tomar a iniciativa para reclamar a plena igualdade do galego e do castelán. Fronte as falsidades da imposición do galego, a realidade é teimuda e vén demostrarnos acotío que o galego é excluído, marxinado ou esquecido por parte de certas administracións", sinala o departamento redondelán.

É por iso, engade, que desde Redondela asumen o compromiso co idioma oficial da Galiza "e alí onde haxa que erguer a voz e a protesta farémolo".

Pola súa parte, a alcadesa Digna Rivas asegura que o Concello que encabeza "é un referente desde o inicio da normalización lingüística".

Nós mantemos esa aposta pola normalización plena do galego, tanto a nivel municipal como no autonómico ou estatal. Polo tanto, Redondela estará sempre onde se precisa para favorecer o noso idioma".

Comentarios