Entrevista

Cal é a orixe do termo 'cibercarracho' e por que se popularizou até chegar a Palabra do Ano?

A Palabra do Ano 2023 é 'cibercarracho', un termo aínda non recollido no Dicionario da RAG que naceu no programa da TVG 'Dígocho eu' durante unha "tormenta de ideas" do equipo de guionistas. Falamos co seu promotor, o enxeñeiro de telecomunicacións Alberto Martínez Pellicer, sobre o éxito deste concepto, o seu significado e as múltiples ameazas ás que todas e todos estamos expostos na rede.
O enxeñeiro galego Alberto Martínez Pellicer. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O enxeñeiro galego Alberto Martínez Pellicer. (Foto: Nós Diario)

O dicionario da Real Academia Galega entende o termo 'carracho', preferibelmente co feminino 'carracha', como o "arácnido da orde dos ácaros do que existen varias especies, que se alimenta do sangue de aves e mamíferos". Un animal que chucha todo o que pode das súas presas sen distincións, e sen importarlle de cal se trate. Algo semellante acontece cos ciberdelincuentes, que para o enxeñeiro de telecomunicacións Alberto Martínez Pellicer comparten "moral" con este arácnido.

"Esa xente que está detrás dun ordenador tentando enganar a calquera actúa como un carracho; dálle igual quen estea detrás, aínda que sexa unha persoa maior sen coñecementos informáticos", asegura, en conversa con Nós Diario. El foi o artífice do concepto 'cibercarracho', aínda non aceptado oficialmente como vocábulo da lingua galega pola RAG pero que vén de converterse na Palabra do Ano 2023.

A primeira en referirse publicamente a quen comete delitos a través da rede con este peculiar termo foi a xornalista verinesa Esther Estévez no popular programa da TVG Dígocho eu, que no último ano dedicou unha sección —'Ciber Esther'— a todo o relacionado coa seguridade informática, froito dunha colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega), para a que Alberto Martínez desenvolve diferentes proxectos a través de Telefónica, como esta iniciativa para concienciar a xente, e en especial a xente nova, sobre a importancia da ciberseguridade.

"O humor é un vehículo excelente para transmitir este tipo de cuestións", afirma o enxeñeiro, que propuxo 'cibercarracho' durante unha "tormenta de ideas" do equipo de guionistas do Dígocho eu. "Queriamos relacionar 'ciber' con algo que tivese gancho. Primeiro pensamos en 'ciberpaspán', pero non funcionaba tan ben", explica. Desde o primeiro momento, 'cibercarracho' tivo unha moi boa acollida entre as persoas espectadoras do programa. Ese éxito levou unha compañeira de Alberto, Paula, a impulsala como candidata a Palabra do Ano.

As ameazas presentes na rede

Na sección 'Ciber Esther', a xornalista aborda numerosos conceptos vencellados á ciberseguridade ante a atenta mirada do seu alter ago, o cibercarracho, unha sorte de hacker malvado que ameaza con irromper nos nosos dispositivos para infectalos ou subtraer información sensíbel. Unha cuestión que, cada vez máis, está a orde do día. Os métodos son moi variados e evolucionan cara ás técnicas máis sofisticadas. Ninguén está a salvo de sufrir un potencial ataque.

"As cifras actuais meten medo", alerta o experto en telecomunicacións. E entre as principais ameazas ás que todas e todos estamos expostos destaca o phishing, consistente na falsificación de sitios web para inducir a vítima a compartir os seus datos persoais, como contas bancarias, ou a descargar inconscientemente un software malicioso —malware—. Tamén é frecuente o 'spim', da familia do 'spam', referido a aquelas mensaxes non desexadas que recibimos nas aplicacións de mensaxería instantánea —como WhatsApp, Telegram ou Facebook— que animan a visitar páxinas fraudulentas.

As mozas e mozos son especialmente vulnerábeis a técnicas de ciberacoso como o sexting —envío non consentido de imaxes e vídeos sexuais— ou, ao fío disto, a sextorsión —chantaxe para que a vítima realice unha determinada acción ou entregue unha cantidade de diñeiro baixo a ameaza de difundir as súas imaxes íntimas—. E o incipiente auxe da intelixencia artificial, se ben abre moitas portas ao progreso, trae consigo tamén novos perigos. "É importante previr os posíbeis problemas que poida ocasionar", salienta Alberto Martínez.

Nas redes sociais inzan os deep fakes —arquivos de vídeo, imaxe ou voz manipulados perante un software de IA para facelos pasar por auténticos—, cada vez máis difíciles de diferenciar da realidade grazas ás novas tecnoloxías e ao que o enxeñeiro denomina 'hipertrucaxe'. "Estamos ante un cambio cultural moi grande", advirte.

E que facer para evitar sermos vítimas dos cibercarrachos? Se ben non hai ningún remedio infalíbel, si algúns consellos que podemos seguir. "O primeiro é manter todos os equipos e aplicacións actualizados. Tamén debemos protexelos con antivirus, mesmo os teléfonos móbiles, aínda que non lle deamos tanta importancia. E, sobre todo, estar ao día do que acontece na rede", conclúe o enxeñeiro.

Comentarios