O galego xa ten palabra do ano: 'cibercarracho'

O termo fai referencia ás persoas que cometen delitos na rede e naceu no programa da TVG 'Dígocho eu'.
A RAG anunciou hoxe a palabra gañadora.
photo_camera A RAG anunciou hoxe a palabra gañadora.

'Ciberdelicuente' figura desde hai tempo no Dicionario en liña da Real Academia Galega para designar a persoa que comete un acto delituoso por medio das tecnoloxías da información e da comunicación, pero a inventiva para sensibilizar sobre o problema dos ciberataques e outros delitos informáticos creou nos últimos meses un neoloxismo de rexistro coloquial que tira do humor para gañar eficacia neste desafío: cibercarracho, -a.

E esta é a voz que acaba de ser elixida Palabra do Ano 2023, nun momento en que grandes empresas de múltiples sectores e institucións públicas e privadas de todo o mundo están a ser obxecto de graves agresións deste tipo de delicuentes, que tamén afectan cada vez máis particulares. O termo naceu no programa da TVG Dígocho eu, presentado pola xornalista verinesa Esther Estévez.

O vocábulo fíxose con máis do 40 por cento dos votos rexistrados na votación organizada pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras, a páxina web para a difusión do léxico galego promovida por ambas as institucións. A segunda voz máis apoiada foi feitiño, -a, con algo máis do 30 % dos votos, seguida de biodiversidade, dereitos humanos, educación emocional e cooficialidade.

Cibercarracho, -a fórmase partindo do prefixo ciber-, resultante do acurtamento de cibernético, e o substantivo carracho, que nomea un arácnido da orde dos ácaros do que existen varias especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves, tamén denominado carracha, carraza, carrapato ou carrapata.

Cibercarracho, -a é a décima Palabra do Ano en galego escollida na votación popular promovida polo Portal das Palabras. Nas edicións anteriores fórono comadre (2022), tanxugueiras (2021), Nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Comentarios