Carlos Callón impartirá no Brasil un ciclo de conferencias sobre a represión do galego

O autor presentará en tres universidades brasileiras 'O libro negro da lingua galega' e falará de "como foi, e como continúa a ser, a represión por razón de lingua no lugar do mundo onde naceu o galego-portugués".
Sinatura de libros de Carlos Callón na presentación da obra en Compostela, o pasado xullo. (Foto: Arxina)
photo_camera Sinatura de libros de Carlos Callón na presentación da obra en Compostela, o pasado xullo. (Foto: Arxina)

O autor Carlos Callón viaxará proximamente ao Brasil para participar dun ciclo de conferencias no que abordará a historia da represión do galego, no marco da presentación da súa obra máis recente, O libro negro da lingua galega.

A primeira delas decorrerá na vindeira segunda feira, 22 de agosto, na Universidade Federal da Bahia, nun evento que presentará o profesor Márcio Coelho Muniz, especialista na literatura medieval galego-portuguesa.

Dous días despois, na cuarta feira, acudirá á Universidade do Estado do Rio de Janeiro para falar tamén, como punto de partida, de "como foi, e como continúa a ser, a represión por razón de lingua no lugar do mundo onde naceu o galego-portugués". Introducirá o relatorio a escritora e investigadora Thayane Gaspar.

E o día seguinte Callón desprazarase até a Universidade Federal Fluminense de Niterói, nun acto presentado polo profesor e pesquisador Xoán Carlos Lagares.

Estes actos no Brasil dan inicio a unha xira de presentacións deste volume a través de diferentes lugares de Europa e da América. O seu propósito, dixo, é "axudar a dar a coñecer internacionalmente que o galego existe, que ten unha historia e que a día de hoxe non contamos coa igualdade de dereitos necesaria para garantir o noso mañá".

"A causa do galego fai parte da loita por un planeta diverso e con futuro", precisou Callón en referencia a un libro que percorre a historia do silenciamento do idioma propio do país desde finais do século XV até finais do XX.

Durante o mes de xullo O libro negro da lingua galega percorreu múltiples puntos da xeografía galega e está a ter unha "excelente acollida", apuntou o autor. Así, perto de 1.400 persoas participaron dos actos de lanzamento na Galiza, que incluíron tamén dous roteiros en Compostela e Pontevedra para "seguir as pegadas da represión idiomática nas rúas destas cidades".

comentarios