Carlos Callón presenta en Compostela 'O libro negro da lingua galega'

O profesor de Lingua Galega e Literatura e na actualidade docente de Xeografía e Historia en Lisboa presentou en rolda de prensa o seu último traballo. Nel recolle exemplos da represión que padeceu a lingua galega desde 1543.  
Carlos Callón en Compostela, diante da libraría Couceiro (Foto Arxina).
photo_camera Carlos Callón en Compostela, diante da libraría Couceiro (Foto Arxina).

Carlos Callón, profesor de Lingua Galega e Literatura e na actualidade docente de Xeografía e Historia en Lisboa, presentou esta sexta feira en Compostela O libro negro da lingua galega, unha obra que se centra na represión existente cara á lingua galega desde 1543 até a actualidade. Nun acto na libraría Couceiro estivo acompañado polo director de Edicións Xerais, Fran Alonso, o presidente da Mesa  pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución, Iria Taibo. 

Callón lembrou a situación de "perigo" na que se atopa o idioma galego, moi “perto” dun punto de "non retorno". O autor explicou que o obxectivo principal da obra, dividida en 15 capítulos, é "transformar o presente mediante o coñecemento do pasado". Ademais, o autor fixo un chamamento ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, para que lea a obra e "defender a lingua e a cultura que nos une".

En palabras de Iria Taibo este traballo "ao que lle dedicou moitos anos" é moi importante para as persoas "que lle simporte o futuro do galego". 

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, polo seu lado, recalcou que esta obra é un "traballo imprescindíbel" para coñecer os atrancos que viviu o galego nos últimos 500 anos. Tamén mostrou a súa queixa diante a falta na actualidade de documentos en galego, como na Seguridade Social ou nas pólizas de seguro, e a ausencia de oferta audiovisual en galego.

Desde a editorial, Fran Alonso subliñou que esta obra é un "fito para a sociolingüística, coñecemento e manexo do galego". Ademais, tamén afirmou que esta obra axudará a desmentir catro tópicos sobre o idioma. Estes estereotipos son a non imposición do castelán sobre o galego, a non existencia de políticas lingüísticas contra o idioma, a persecución exclusiva durante o franquismo e o non impulso da lingua debido á baixa demanda da poboación.

Comentarios