Grande Amore presenta o seu segundo disco, 'II', para "rebentar o fastío vital"

"A rutina de estar cansos, de non poder máis. Toda esa rabia e ese malestar son a semente coa que rebusca en nós; represéntanos, berramos con el e fainos tolear; non podemos parar de saltar", aseguran desde a banda, sobre un álbum que "non deixará ninguén indiferente".
photo_camera 'Pelea' é un dos temas que conforman o disco 'II' e que Grande Amore adiantou o pasado marzo.

Grande Amore está de estrea. O segundo traballo da banda, denominado precisamente 'II', viu a luz esta mesma quinta feira. Son dez temas, advirten desde o proxecto que conforman Nuno Pico, Clara Redondo e Mariagrep, "que non deixarán ninguén indiferente". O éxito dos catro adiantos coñecidos até o de agora, Do meu corpo van nacer outros corpos, Pelea, Onde ela me quer levar e Ben Sabe Dios Que O Intentei, xa confirmou o salto de Grande Amore como artista, pero con este novo álbum, aseguran, "podemos comprobar que aínda podía ir un paso máis aló", pois "é capaz de facer que todo salte polos aires".

'II', editado por Ernie Records, preséntase como "un disco que engole" e polo que é "imposíbel non deixarse arrastrar". A proposta electrónica de Grande Amore neste novo traballo abárcao todo, desde o rock industrial e o punk até o black metal. "É inviábel porlle unha soa etiqueta, todas quedan curtas", afirman. Tampouco pode compararse a nada, pois o estilo de Grande Amore é único. "Divírtese. Xoga co rock, as caixas de ritmos, os sintetizadores, pon a bailar ás guitarras… E cántalle á vida; a isto que se converteu case en costumismo cotián, pero que non é outra cousa que fastío xeral", salientan.

"A rutina de estar cansos, de non poder máis. Toda esa rabia e ese malestar son a semente coa que rebusca en nós; represéntanos, berramos con el e fainos tolear; non podemos parar de saltar", engaden desde a banda. As voces de 'II' foron gravadas por Raúl Pérez en La Mina, e tamén el correu a cargo da mestura. O máster foi realizado por Cem Oral en Jammin' Masters.

Nuno Pico contou, aliás, con Carlangas para a produción deste traballo. "les querían facer un disco de rock, con bandas como Motorhead, Stooges ou Ramones como referentes, pero engadindo caixas de ritmos e sintetizadores. O resultado é indescritíbel; só cabe escoitar o disco, berralo, bailalo, quedar a vivir nel", adiantan.

II comeza con Foi todo verdá a modo de intro, e axiña dá paso a Fumando espero, un tema no que Grande Amore "ensina as cartas; vai con todo, é unha máquina de hits e este disco é a proba definitiva". En Anos 20, Nuno déixase a vida. "Todo é pouco, todo é demasiado", canta, e é que así sucede exactamente neste tema, que sendo enorme, queda curto. Queremos máis, e chega Pelea para lembrarnos que "naide ten piso, naide ten traballo", que todo é unha merda, que xa está ben. Que queremos berrar. É esgotador ter que loitar por todo, é terrible ter que facelo todo o tempo. Necesitamos aire. 

Grande Amore actúa como desfibrilador, e o tema Indo Pa Cristo é a seguinte descarga eléctrica; Ben Sabe Dios Que O Intentei é xa un himno que marcou un antes e un despois nos directos. "Un subidón, lévanos até o máis alto e ofrécenos un pouco de paz, e é aquí cando a engrenaxe do disco fai a súa maxia, porque Onde Ela Me Quer Levar volve elevarnos", din. A adrenalina do amor plasmada no compás.

Nuno Pico, Clara Redondo e Mariagrep. (Foto: Aigi Boga)
Nuno Pico, Clara Redondo e Mariagrep. (Foto: Aigi Boga)

Necesito Estar Borracho abrázanos e acompáñanos nesa necesidade recorrente de abstraernos dunha realidade insoportable, e a auténtica psicodelia chega con Do Meu Corpo Van Nacer Outros Corpos. O broche de ouro pono Eu Son A Noite, o tema que fecha o disco. "Eu son a noite, eu son a festa" é a última frase, e serve perfectamente para resumir este traballo. 'II' é todo garra, pura forza.

Este novo disco presentarase a vindeira sexta feira 22 de setembro na sala Malatesta de Santiago de Compostela, e nesta xira de presentación xa están confirmadas tamén outras datas e lugares como o Our Fest de Ourense (21 de outubro), o Castañazo de Chantada (27 de outubro), a sala Espacio Vías de León (22 de decembro), a sala La Salvaje de Oviedo (22 de decemebro) e a Espacio Vías de Madrid (22 de xaneiro).

Comentarios