'Campa', o xogo de mesa definitivo en galego

Aventeira Cooperativa de Educación e Lecer está detrás desta proposta que quere saír adiante a través dunha campaña de micromecenado. A diversión está ambientada nun mundo que coñecen ben as crianzas: os campamentos de verán. Mais o elemento extra é fornecer as ferramentas para levar a lingua propia a ámbitos case inexplorados.
Presentación do xogo de mesa en Ourense. (Foto Aventeira Cooperativa de Educación e Lecer)
photo_camera Presentación do xogo de mesa en Ourense. (Foto: Aventeira Cooperativa de Educación e Lecer)

Nun momento no que se está a reivindicar o uso do galego nas plataformas dixitais -tamén na propia televisión pública con campañas como a que defende a ficción na lingua propia-, aparecen moitos outros sectores nos que o idioma da Galiza aínda é testemuñal.

É o caso dos xogos de mesa, onde é difícil atopar referencias que permitan ás crianzas e mesmo a toda a familia gozar do tempo de lecer ao tempo que se fala a lingua habitual ou se fornecen ferramentas para practicar un galego que vai a menos no ensino.

Precisamente por iso ‘Campa’, un proxecto da Cooperativa de Educación e Lecer Aventeira, parece ser a proposta definitiva para que o galego conquiste novos espazos.

“Cada vez é máis doado dar con xogos moi variados en canto á súa presentación, mecánicas, compoñentes, arte e demais características, pero é extraordinariamente infrecuente atopar xogos en galego”, indica a propia promotora desta aventura na que os naipes pasean polos campamentos de verán.

Desde a entidade inciden no “gran baleiro cultural no noso idioma” que hai neste mercado do entretemento.

Na súa opinión, implica deixar “pasar a ocasión de usar este tipo de produto cultural para a conservación e normalización do seu uso, especialmente entre a mocidade e a infancia”.

Un xogo de cartas que impulsa a creatividade

Por iso naceu ‘Campa’, onde xogadoras e xogadores deben ser as e os promotores das acampadas estivais reunindo distintos elementos e xogando con intelixencia e creatividade, tratando de evitar aquelas cartas que prexudican a acampada dunha ou outra equipa.

Esta interesante iniciativa, formativa e normalizadora do galego, depende en todo caso da achega que faga o público, pois é difícil sacar adiante un xogo en galego dentro da industria regrada.

Por iso, as cooperativistas de Aventeira intentan acadar o apoio do público mediante unha campaña de micromecenado en Verkami que deixe saír á luz as pequenas emprendedoras do país co galego por bandeira.

Comentarios