TVE defende o uso de 'La Toja' fronte ao topónimo oficial ante a queixa dunha espectadora

A defensora da audiencia da canle pública asegura que nos informativos estatais deben empregar sempre os topónimos en castelán, ignorando a lexislación autonómica e a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo ao respecto.
Mobilización en protesta polo uso deturpado do topónimo A Toxa, en 2021. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización en protesta polo uso deturpado do topónimo A Toxa, en 2021. (Foto: Nós Diario)

A defensora da audiencia de TVE respondeu así a unha cidadá galega que protestou polo uso do topónimo deturpado da Toxa nun programa da canle estatal asegurando que, segundo os servizos xurídicos da corporación pública, o nome da Toxa non aparece no rexistro de entidades locais, pretendendo facer pasar a illa arousá por un concello e obviando que, aínda que así fose, o artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística (LNL) continúa en vigor, asegura A Mesa pola Normalización Lingüística nun comunicado

TVE afirma na súa resposta formal á espectadora galega que o seu Manual de Estilo a obriga a ser "especialmente escrupulosa no respecto á toponimia conforme á legalidade vixente", pero defende que "cando se trate de localidades que posúen oficialmente dous nomes, un en castelán e outro na lingua cooficial, pero ningún cambiado mediante unha lei das Cortes Xerais, deberase empregar o máis utilizado pola audiencia, (se é o informativo estatal, débese usar o castelán) sen que se deba nomear cos dous nomes en paridade de valor".

A única forma oficial, a galega

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de se dirixir á defensora da audiencia para informala a ela e aos servizos xurídicos da corporación pública sobre a lexislación aprobada hai case 40 anos, ademais da xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo, que afirma a plena validez do artigo 10 do artigo da LNL que sinala que "os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega".

Engade, ademais, que "corresponde á Xunta da Galiza a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos da Galiza", polo que o único oficil é o topónimo A Toxa.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, afirma que dende a entidade de defensa da lingua "queremos pensar que o uso interesado e errado que os servizos xurídicos e a propia defensora da audiencia fan da lexislación para argumentar a favor da deturpación toponímica non está baseada na mala fe, senón na ignorancia sobre todo canto ten a ver con Galiza, as nosas institucións, as mudanzas lexislativas operadas hai case 40 anos e a xurisprudencia que as asentou".

"Esta ignorancia", sentencia Maceira, "é especialmente grave ao se tratar dun servizo público de televisión, dependente do Estado e financiado tamén co diñeiro das galegas e galegos e que debe dar sempre información veraz".

Lei do audiovisual

Neste sentido, A Mesa aproveitou a resposta á TVE para lembrarlle, tamén, os incumprimentos reiterados da lexislación audiovisual nas porcentaxes de uso do galego e diposñibilidade de contidos en galego para menores de 12 anos.

"Porén", afirma Maceira, "se non se actualizaron nos últimos 40 anos comprendemos as dificultades para o faceren sobre o último ano, mais o descoñecemento das leis non exime do seu cumprimento", precisou.

Comentarios