Entrevista

Ana Rodiño (CIG-Ensino): "As xornadas de lingua achegan información e reflexión para acompañar o galego no camiño da normalización"

As Xornadas de Lingua e Literatura impulsadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) máis a CIG-Ensino chegan este sábado, 13 de abril, á súa edición 33. A iniciativa procura unha achega positiva ao profesorado, no camiño da normalización e do descubrimento de novas metodoloxías de ensino.

Ana Rodiño, responsábel de Formación da CIG-Ensino. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Rodiño, responsábel de Formación da CIG-Ensino. (Foto: Nós Diario).

—Após 33 anos, cal é a achega das Xornadas de Lingua e Literatura?
Se miramos atrás, hai 33 anos a AS-PG e a CIG-Ensino botaban en falta un espazo de divulgación e de información sobre a nosa lingua e a nosa literatura, un achegamento positivo nun momento no que a normalización era un campo que se comenzaba a arar. Naquel tempo non había ningunha proposta concreta por parte da administración educativa centrada na lingua e literatura galegas así que se puxeron en marcha as primeiras xornadas. 

De tres días que duraban entón pasouse a un, tamén porque o sistema de formación permanente do profesorado foi variando, pero a encomenda orixinal mantense. Por unha parte somos conscientes de que é necesario contribuír á normalización da nosa lingua, que está dando pasos cara atrás, tamén no ensino, en parte por mor da normativa aprobada; e por outra, de que é importante facer unha achega ao profesorado de secundaria desta materia para tratar de abrir camiño nas novas metodoloxías didácticas. Neste sentido, as xornadas tamén reservan un tempo dirixido a aquelas persoas que aínda non fan parte do cadro de ensinantes mais están en fase de acceso, para que teñan unha base de achegamento máis académico, con directrices para a realización dos comentarios de texto filolóxico, lingüístico e literario.

—As xornadas abren e fechan con dous nomes de muller, dúas autoras contemporáneas.
Esa programación responde a dúas seccións fixas. Cada ano sempre se lle dedica un espazo á persoa homenaxeada o Día das Letras Galegas, nesta ocasión Luísa Villalta, da que virá a falarnos a escritora Marga do Val, especialista na súa figura. E tamén, desde os comezos, mantemos outro apartado que é o do autor ou autora que vén falarnos da súa obra. Por estas xornadas teñen pasado as persoas máis representativas das nosas letras, algunhas, como Agustín Fernandez Paz ou Neira Vilas, que xa non están con nós. Este ano acompañaranos Chus Pato, que xa veu no seu día, pero que volvemos convidar con motivo da publicación da súa última obra, Sonora

—De que forma os intereses e as achegas do profesorado de secundaria axudan a definir a programación das Xornadas de Lingua e Literatura?
Para nós é importante estar en contacto co profesorado e co traballo que desenvolven nas aulas. Polo seu labor sindical, a CIG-Ensino está moi perto dos centros e aí aproveitamos para indagar e saber de persoas que fan traballos de innovación relacionados coa lingua, coa literatura ou coa normalización.

Foi así como coñecemos Alberto Pombo e Arcadio González, do IES Rafael Dieste da Coruña, promotores da iniciativa 'Aquí tamén se fala'. Están convidados e virán presentarnos o seu proxecto, que está a ter moito éxito de cara á normalización, mesmo con repercusión noutros centros que decidiron seguir o seu exemplo.

—A lingua e literatura galegas fan parte de cada intervención, moitas veces tamén a través doutras disciplinas que contribúen a mudar ou ensanchar as metodoloxías didácticas: música, teatro, banda deseñada.
O coloquio que programamos este ano céntrase na banda deseñada. Noutras edicións fixémolo na poesía, no teatro, na narrativa. Montamos unha mesa na que participarán autoras de banda deseñada como Iria Aldegunde ou Éric Dopazo mais tamén persoas que empregan a banda deseñada nas aulas. Son docentes con experiencias de traballo que poden servir de paradigma para o profesorado asistente, que habitualmente é profesorado de secundaria e desta materia.

Punto de encontro do profesorado de lingua

As Xornadas de Lingua e Literatura da AS-PG e a CIG-Ensino son "un punto de encontro físico para o profesorado galego". É algo que fai sentir orgullo as entidades organizadoras. "Coñécense, entran en contacto e intercambian saberes relacionados cos seu traballo". Tamén é interxeracional. E continúa 33 anos despois "malia o auxe da formación a distancia".

O convivio procura información e promove a reflexión para acompañar a lingua galega camiño da normalización. A este obxectivo contribuirán tamén as palabras do catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa e profesor emérito da UDC Xosé Ramón Freixeiro Mato, que impartirá unha conferencia inspirada no seu último libro: A estrela que nos guía. O galego entre un pasado brillante e un incerto futuro. "Un percorrido pola historia externa da nosa 
lingua e unha reflexión sobre cara a onde se dirixe".

Xornadas de Ensino Infantil

Coincidindo coas XXXIII Xornadas de Lingua e Literatura, a Asociación Socio-pedagóxica Galega (AS-PG) e a CIG-Ensino, co apoio do Concello de Santiago organizan as XXV Xornadas de Educación Infantil. No mesmo escenario, o IES As Fontiñas de Compostela, mestras e mestres de Educación Infantil teñen unha cita este sábado, día 13, para o intercambio de experiencias na aula así como para coñecer propostas de traballo anovadoras.

Como cada ano, as Xornadas de Educación Infantil contan con oito horas homologadas pola Xunta da Galiza e teñen carácter gratuíto. A sesión de mañá comezará ás 10 horas tras a recepción e a entrega de material ás persoas participantes. A arquitecta Sabela Girón e o docente do IES García Barbón de Verín Alberto Fortes darán a coñecer o Proxecto Terra, unha iniciativa que brinda ao alumnado de infantil actividades complementarias e interdisciplinares que fomenten o seu papel activo ante os desafíos sociais e medioambientais da sociedade actual.

As escolas unitarias como espazos de aprendizaxe guiarán as intervencións de Susana Viqueira e Moncho González, da Unitaria de Casalonga, en Teo, máis de Flora Mato, mestra na escola Donramiro de Lalín.

Arte e brincadeiras

A xornada completarase con tres propostas de traballo para "construír recordos" a partir de talleres artísticos, a cargo docente da Universidade da Coruña Silvia Capelo; do programa Apego, a cargo das técnicas de normalización dos Concellos de Carballo e Pontevedra, Carme Pereiro e Concha Cochón, e de brincadeiras da lingua, ditos infantís que compartirá o integrante de Migallas Teatro Carlos Yus. Ferramentas e propostas para socializar, aprender e gozar do tempo libre en galego.

Comentarios