martes 19/01/21

A USC publica 19 guías para achegar o galego á docencia

Estas publicacións, integradas na colección Esenciais da USC, resumen de forma didáctica conceptos básicos de diferentes materias. Fontes da institución académica indican que tamén se poden empregar como recursos no bacharelato.

Algunhas das guías esenciais presentadas. (Foto: USC)
Algunhas das guías esenciais presentadas. (Foto: USC)

A Universidade de Santiago de Compostela deu a coñecer hoxe a publicación de dezanove novas guías docentes dentro da colección Esenciais da USC. Estas pezas teñen por obxectivo achegar o galego ás e aos profesores para que o empreguen en maior medida no ámbito docente.

As unidades presentadas esta cuarta feira abranguen distintos aspectos do coñecemento. Trátase de falar de conceptos básicos pero de amplas especialidades. Na presentación aclarouse que, en xeral, están destinadas aos graos pero tamén poderían ser utilizadas no bacharelato, como outro recurso pedagóxico de reforzo e ferramenta de traballo para o profesorado.

Estas guías, que xa suman 24 porque en xaneiro viron a luz outras cinco, xurdiron precisamente “como ferramenta que permite achegar o galego á docencia”. Así o explicou o reitor da USC Antonio López no acto oficial de presentación.

No mesmo estiveron presentes tamén o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feixoo Costa, e o responsábel do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala. Todos incidiron na meta do desenvolvemento sostíbel para fornecer un ensino inclusivo, equitativo e de calidade.

“Os Esenciais permiten mellorar a comunicación lingüística en galego no eido científico na universidade, así como transmitir información veraz e crear materias válidos para o Ensino Secundario”, indicou o vicerreitor.

Núñez Singala comentou que a iniciativa permite “ofrecer recursos condensados do saber que conteñen o esencial dunha materia”. Entre os temas tratados están a química, a anatomía humana, a álxebra, os métodos analíticos ou o dereito civil galego.

Tamén é longa a lista de autoras e autores, aliás de profesional. De feito, a comisión que valorou as propostas agora saídas á rúa valorou tanto a calidade lingüística coma o impacto científicos. Haberá diferentes formatos e lugares de venda pero as guías xa se poden conseguir na páxina web do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.