DÍA DAS LETRAS

A Gentalha e o Revira homenaxean unha lingua ''que non está fosilizada nin morta''

As asociacións culturais fincadas en Compostela e Pontevedra adiantan ao sábado o Día das Letras e festexan, máis un ano, o idioma do País
Galego. Lingua Galega. Símbolo campaña Mesa pola Normalización Lingüística.
photo_camera Imaxe: flickr de Adri_Gz

A asociación cultural Gentalha do Pichel celebra este sábado en Compostela unha nova edición da súa Festa do Dezassete que se fai o 12 co obxectivo de reivindicar máis unha vez "o dereito a vivirmos en galego". Cun programa completo que vai desde unha visita guiada polo asociacionismo cultural na Galiza entre 1961 e 1975 --nunha exposición-- até unha palestra sobre o agromar dos medios de comunicación na nosa lingua, pasando polos xogos populares para as crianzas, a música --cos concertos de As avoas filólogas e Sacha na Horta--, o teatro d@ oprimid@ e un xantar popular.

Haberá tamén contacontos e un curso para aprender reintegrado nunha hora. Do que se trata é de homenaxear unha lingua como símbolo de identidade e de reivindicación política "que non está fosilizada nin morta, como se empeñan as institucións oficiais" e de repasar nunha xornada "o traballo de 365 días". Sen contar co apoio de ningún Goberno, a festa --que vai xa polo sétimo ano-- volve organizarse de maneira autoxestionada.

En Pontevedra, a asociación cultural Revira realiza tamén este sábado unha homenaxe á lingua. Haberá contacontos, regueifa, libros viaxeiros, xogos populares, o I aberto de billarda e unha palestra sobre as linguas galega e bretoa impartida polo profesor Robert Neal Baxter.

Comentarios