14 de febreiro de 1918, a primeira campaña electoral onde se usou o galego: disparos, malleiras e insultos contra galegofalantes

A Estrada, Ourense ou Ferrol foron tres das localidades onde o uso do galego nos mitins ese ano xerou unha violenta reacción en contra: desde a Garda Civil ordenando disolver os eventos até amezas con coitelos a oradores, pasado por malleiras a participantes. Cóntao Carlos Callón en 'O libro negro da lingua galega'.

irmandades_fala_ccg
photo_camera Membros das Irmandades da Fala de Bteanzos en 1918. (Foto: Consello da Cultura Galega)

Falar en galego nunha campaña electoral foi unha conquista. Non apareceu da nada nin foi cousa dun día para outro. Na actualidade o galego está asentado na maioría das formacións políticas como o idioma para a comunicación política na campaña electoral, se ben en diversos graos segundo cada opción.

Mais moi distinto era o escenario hai cen anos. "Unha lembranza especial para a primeira campaña electoral que se desenvolveu en galego, hai 106 anos, con moitísimas dificultades. É pura verdade: porque foron, somos", escribía esta cuarta feira o escritor, filólogo e autor de O libro negro da lingua galega, Carlos Callón.

Esta obra recompila varios exemplos da heroicidade os oradores que optaron por usar o galego naquela campaña. Un deles é o acontecido tal día como esta cuarta feira, un 14 de febreiro pero de 1918, en Celanova, comarca de Terra de Celanova.

"Rebentar os mitins con banda de música"

"Tiveron que aguantar as arremetidas do caciquismo, que foron desde rebentarlle os mitins con bandas de música a acusalos de falar en galego por seren analfabetos, até ameazalos con paus e coitelos ou disparar contra eles, como ocurriu en Celanova o 14 de febreiro", relataba Carlos Casares nunha obra sobre Vicente Risco que cita Callón.

O escritor ribeirense explica que naquela campaña o nacionalismo deu máis de 100 mitins por toda a Galiza. Nalgunhas localidades, afírmase en O libro negro da lingua galega, os oradores foron recibidos "por caudillos locais con bandas de música que impedisen escoitar os seus actos, coa Garda Civil disolvendo o evento ou a berros, como aconteceu na Estrada e Ourense".

"Tivemos que defendernos a labazadas"

O propio Antón Vilar Ponte lembraba un daqueles actos da campaña afirmando que "pouco nos faltou para pasar de apóstolos a mártires". Narra como houbo "balazos" que "atravesaron a bandeira galega", como en Ferrol recibíronos "a pedradas" e como noutros mitins tiveron que defenderse: "A paus e labazadas tivemos que repeler as aldraxes dos inimigos".

En Ferrol, cando Xaime Quintanilla empezou no Teatro Xofre a súa intervención en galego nesa campaña, nun acto con presenza de políticos cataláns, axiña saíron desde o público berros de "¡Que hable en castellano!", "¡Fuera los catalanes!" e o sempiterno "¡Viva España!".

"Durante esa campaña, a agresividade foi constante. Un dos eixos foi o uso normal da lingua 'dos analfabetos'", conclúe Carlos Callón neste capítulo de O libro negro da lingua galega.

Comentarios