Música e literatura na #prazadoslibros de Carballo

A Feira literaria de Carballo contará coa presenza de Mercedes Peón, Manuel Rivas, Xosé Neira Vilas, Uxía Senlle e moitas actividades para o público infantil

Foi inaugurada con grande éxito esta quinta feira e continuará aberta até o vindeiro domingo 25 de agosto. Por ela pasarán escritoras-es e artistas da talla de Mercedes Peón, Manuel Rivas ou Uxía Senlle mais tamén centra o seu programa n@s máis pequen@s coa presentación de obras como O rei portador e outras historias de Beatriz Fraga. No entanto, reservan un espazo para a literatura oral da man de contacontos e até unha biblioteca carrexada nunha bici. 

María Canosa foi a encargada de dar o txupinazo esta quinta feira, co seu pregón ficaba oficialmente inaugurada a Praza dos libros que o Concello de Carballo desenvolve desde o 22 ao 25 de agosto no Xardín municipal. Najla Shai puxo o son á xornada de apertura coa presentación do seu novo traballo Na lingua que eu falo, un disco no que musica a poesía de Rosalía de Castro coa mestura que representa esta artista galega-palestiniana. 

Uxía Senlle e Manuel Rivas presentarán os seus dous últimos traballos nunha feira na que Mercedes Peón e a propia Uxía porán o toque musical

Esta sexta feira será Mercedes Peón que poña o broche a unha xornada cargada de presentacións literarias para crianzas e maiores na que tamén haberá espazo para o recital poético de Versus Cianuro, unha obra colectiva asinada por Paco Souto, Rosalía Fernández, Roberto Roget e Paco de Tano. 

Xa na fin de semana as máis miúdas serán as protagonistas cunha programación na que o público infantil non terá como aburrise. Babacontos e un obradoiro para ilustrar camisolas partillarán espazo con Gústame o Galego, a campaña que está a desenvolver con grande éxito a CTNL. O domingo, a Feira literaria vivirá o seu día grande coincidindo coa xornada de clausura. Unha xornada para as presentacións do último libro de Manuel Rivas, As voces baixas, e de Rosalía pequeniña de Uxía Senlle. 

Xosé Neira Vilas conversará coas persoas que decidan achegarse até Carballo sobre as dous dos seus libros, Aquel neno e a Cancela Aberta. Ao longo de todo o domingo as persoas que decidan mercar un libro serán agasalladas --durante toda a mañá-- cun pan. 

Máis en Letras e Ideas
Comentarios