Falece aos 86 anos na Coruña a prestixiosa e pioneira matemática María Wonenburger

Muller que destacou en ámbitos académicos en Estados Unidos, adicou o seu traballo á teoría de grupos e foi nomeada en 2010 Doutora Honoris Causa pola UDC. Tamén leva o seu nome un parque público en Oleiros, concello no que naceu.

Na cidade da Coruña faleceu este sábado María Wonenburger, de 86 anos e unha das científicas máis importantes da historia de Galiza, dentro do eido das matemáticas.

Wonenburger foi unha pioneira dentro dun campo e un tempo onde a presenza de mulleres sempre foi mínima e mesmo rexeitada. Licenciouse en matemáticas en Madrid en 1950 mais foi Estados Unidos o país que acolleu á súa maior etapa profesional, sendo de feito a primeira muller á que lle concederon unha beca Fullbright, na universidade de Yale. O seu principal campo de traballo foron a teoría de grupos e a álxebra de Lie. Nos anos 80 regresou a Galiza.

En 2007, a Xunta creou os premios co seu nome para recoñecer ás mulleres dentro do mundo da ciencia e a tecnoloxía. Así mesmo, en 2010 foi nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidade da Coruña, sendo nese ano homenaxeada tamén polo Consello da Cultura Galega. No seu Montrove natal, no concello de Oleiros, un parque público leva o seu nome. O concello da Coruña aprobou dedicarlle unha rúa hai catro anos, pero aínda non plasmou esa intención.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios