A praza da Quintana festexa a saída de Sermos Galiza


A praza da Quintana, espazo emblemático do nacionalismo, festexou no Día das Letras Galegas a saída de Sermos Galiza. Co brazo ergueito enarborando o xornal, centos de persoas aplaudiron o seu nacemento.

Carlos Callón e Teresa Moure na Quintana
photo_camera Imaxe Diego Boquete


Como a moza da primeira portada que defende a nosa lingua erguendo o cartaz co “Eu, o galego”, centos de persoas repetiron o xesto na Quintana alzando o Sermos Galiza no remate da manifestación do 17 de maio. Foi un xesto simbólico con que se celebraba a saída dun xornal que, en boa medida, nace pola vontade de moitas persoas das congregadas na Quintana.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, foi quen convocou o xesto que pasa a formar parte da historia da nosa cabeceira. Repartiu Callón apupos e palmas pola lingua e a Sermos dedicoulle a maior das ovacións. Recoñecíalle así á saída do xornal relevancia no proceso de normalización lingüística e animaba as persoas comprometidas co futuro do galego a se subscribiren e a apoiaren o medio para garantiren o seu futuro. De forma inesperada, a solicitude de Callón ás persoas manifestantes converteu a demanda de medios en galego e, en especial, o futuro de Sermos Galiza nunha das reivindicacións da histórica praza da Quintana.

Nos bares

“Cando vaiades a un bar tomar unha caña ou un café, tedes que pedir o Sermos Galiza” defendeu o presidente da MNL para quen a presenza do galego no papel de prensa contribúe de forma singular á  normalización e á visibilización pública do idioma. Os medios de comunicación tiveron unha especial relevancia no seu discurso, en que criticou o control político da CRTVG e reclamou maior liberdade e compromiso coa língua no ámbito informativo. Como exemplo, Callón mencionou o silencio da Televisión de Galiza con respecto da noticia histórica do Premio Iberoamericano concedido a Agustín Fernández Paz –encargado da elaboración e lectura do manifesto- fronte ao tempo que lle dedicou “á saída do libro de Jaime Peñafiel”.
Durante toda a mobilización, o Sermos Galiza na man de boa parte d@s manifestantes deulle un elemento aínda a máis á reivindicación e á celebración da nosa lingua. Desde primeira hora o xornal repartiuse pola mobilización en que a maior parte das persoas convocadas agardaban xa a súa chegada. Para outras foi unha das sorpresas da xornada, entre outras cousas, pola propia portada en que moitas persoas recoñeceron unha evocación das míticas imaxes reivindicativas de mulleres co brazo ergueito, a comezar pola de Castelao.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios