Xulgan Sarkozy polo financiamento ilegal da campaña que perdeu ante Hollande en 2012

Fontes xudiciais indican que tería agachado pagamentos por valor de 23 millóns de euros.

Nicolas_Sarkozy_-_World_Economic_Forum_Annual_Meeting_2011
photo_camera Sarkozy

A noticia do procesamento dun dos líderes máis carismáticos da direita francesa -quen, porén, acaba de perder face Fillon a candidatura para as eleccións á presidencia da República- foi avanzada por France Press e a BBC.

Segundo as pesquisas realizadas, Sarkozy utilizou unha empresa de relacións públicas para camuflar os gastos asignándollos ao seu partido, a UMP (agora Os Republicanos) e non á conta da súa campaña. As contabilidades -segundo a lei francesa, que limita o diñeiro que pode ser empregado nunha carreira presidencial- deben ser distintas.

O caso é coñecido en Francia como o escándalo Bygmalion, polo nome da empresa de relacións públicas contratada por Sarkozy.

A acusación tentará demostrar que Sarkozy era persoalmente consciente da fraude.

É a segunda vez na historia da actual República francesa (a V, instituída en 1958) que un ex presidente é levado a xuízo. O único precedente até o momento, o procesamento de Jacques Chirac, o outro grande líder da direita nas últimas décadas, condenado en 2011 a dous anos de prisión por malversación de fundos públicos. Non chegou a ingresar na cadea. 
 

Comentarios