A xuíz desoe o fiscal e deixa en liberdade Trapero

Novo revés para a Fiscalía da Audiencia Nacional. A xuíz Carmen Lamela desatendeu a súa petición e resolveu deixar en liberdade Josep Lluís Trapero, investigado por un pretenso delito de sedición. O que se lle imputa é non ter impedido o referendo de 1-O.

trapero
photo_camera Trapero acudiu a prestar declaración vestido de civil

A xuíz tamén desatendera as peticións da Fiscalía sobre a número dous dos Mossos, Teresa Laplana, para quen o Ministerio Público pedía prisión eludíbel cunha fianza de 40 mil euros.

No caso de Trapero, a petición do fiscal era máis dura: prisión incondicional para quen o Ministerio Público considera unha peza chave na realización do referendo de 1-O. O chefe dos Mossos argumenta que en nengún caso conculcou a lei e que cumpriu o mandato da xuíz do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, que o instaba a impedir o desenvolvimento da consulta con uso proporcionado da forza e sen producir alteracións graves da orde pública.

Aliás, a xuíza si toma medidas cautelares: deixa Trapero en liberdade, mais sen pasaporte, para impedir unha eventual fuga que ten poucos visos de se vir a producir.

Lamela desoe as peticións do fiscal porque non acha relación entre Trapero e os protestos que o día 20 de setembro obstaculizaron a saída á rúa dos gardas civís que durante horas rexistaron a sede da Consellaría de Economía, no centro de Barcelona, na procura de material relacionado co referendo.

Comentarios