Escalada represiva

A Fiscalía pede prisión sen fianza para Trapero

Os aparatos coercitivos do Estado non declararon ningunha tregua. A Fiscalía da Audiencia Nacional pediu esta segunda feira prisión sen fianza para Josep Lluís Trapero, major dos Mossos d'Esquadra, que enfronta cargos por sedición.

vilaweb
Trapero, no meio, cos seus avogados [Foto: Vilaweb]

A Fiscalía da Audiencia Nacional -no Estado español o MInisterio Público depende hierarquicamente do Executivo- solicita como medida cautelar a prisión para Trapero, ao que se lle imputa non ter impedido a realización do referendo de 1 de Outubro, suspendido polo Tribunal Constitucional.

Será a xuíz instrutora Carmen Lamela a que decidirá, esta mesma tarde, se aceita ou non a medida cautelar.

Lamela ditou unha resolución favorábel para a número dous dos Mossos, Teresa Laplana, quen tamén prestou declaración esta segunda feira e para quen a Fiscalía pedía prisión eludíbel cunha fianza de 40 mil euros. Lamela non atendeu a petición do Ministerio Público e deixou en liberdade Laplana coa única medida cautelar de lle retirar o pasaporte e de a obrigar a comparecer cada 15 días.

Todo o caso contra Trapero e Lamela alicérzase en informes da Guardia Civil -un corpo militar que, afirman xuristas, segundo o Estatuto de Autonomía de 2006 non debería ter competencias sobre a seguranza interior en Catalunya- en virtude dos cales os mandos dos Mossos terían tido unha "actitude pasiva" durante o 1-O.

Os Mossos desmenten esa pasividade, enfatizan que eles tamén fecharon colexios eleitorais durante o referendo e salientan que o 1-O se limitaron a cumprir as ordes da xuíz do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya que os mandataba a impedir a realización do referendo mais sen contribuír para a alteración da orde pública e mediante o uso proporcionado da forza. Os Mossos levantaron actas da pretensa infracción da lei -en realidade das medidas cautelares do TC- en multitude de colexios eleitorais, mais optaron por non cargar contra as persoas, como si fixeron Policía Nacional e Guardia Civil, en accións que acabarían sendo denunciadas por Human Rights Wacht.

Comentarios