Xornada de aumento en contaxios rexistrados, casos activos e presión hospitalaria

220 novos positivos, 200 deles confirmados a través dunha PCR, a maior cifra de positivos en PCR desde finais de febreiro.

máscara coronavorus covid Carlos Castro Europa Press
photo_camera (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os novos  contaxios de Covid-19  repuntaron a 220 no conxunto de Galiza e os casos activos seguen en ascenso até alcanzar os 2.875, mentres que os pacientes ingresados por coronavirus aumentan a 204, dous máis que a xornada anterior.

Segundo os datos actualizados na mañá desta quinta feira con rexistros até as 18,00 horas de onte, 41 pacientes atópanse en UCI -un máis- e 163 noutras unidades de hospitalización.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe en tres das sete: Vigo, Santiago e Barbanza e Lugo; alíviase nas da Coruña e Cee, Ourense e Pontevedra-O Salnés e mantense na de Ferrol.

Con respecto aos casos activos, tras o lixeiro descenso rexistrado a pasada terza feira despois de once xornadas consecutivas de incremento, por segunda xornada seguida segue a tendencia ascendente e atinxen os 2.875, que supoñen 64 máis, ao haber máis contaxios (220) que altas (154), ao que se engaden 2 falecementos.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas ascenden en cinco: Vigo (+29), A Coruña (+18), Ourense (+16), Lugo (+14) e Pontevedra (+9); mentres que baixan nas de Santiago e Barbanza (-11) e Ferrol (-1).

En canto aos novos contaxios detectados con calquera tipo de proba superan o limiar dos 200 e alcanzan os 220 no conxunto de Galiza, tras iniciarse a semana con 154, descender a 131 a terza e aumentar a 188 na cuarta feira

Galiza confirmou 200 positivos por  PCR nas últimas 24 horas, 21 máis que a xornada anterior, dos cales 77 corresponden á área de Vigo; 47, á da Coruña; 34, á de Pontevedra e O Salnés; 20, á de Ourense; 11, á de Santiago e Barbanza; sete, á de Lugo; e catro, á de Ferrol.

Pola súa banda, a taxa de positividade repunta a un 3,2% após estar nun 2,3% a xornada anterior e de iniciar a semana cun 1,2%. Deste modo, mantense por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Galiza rexistrou 2.378 falecementos de persoas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia, despois de notificar Sanidade esta cuarta feira a morte de dúas.

Comentarios