[VÍDEO] Donetsk, Luhansk, Zaporiyia e Kherson pasan a formar parte do territorio ruso

O palacio do Kremlin foi o lugar escollido polo Goberno de Moscova para levar a cabo a firma dos tratados de adhesión destes territorios.
O presidente ruso, Vladímir Putin. (Foto: Kremlin)
photo_camera O presidente ruso, Vladímir Putin. (Foto: Kremlin)

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, vén de asinar a adhesión oficial dos óblast de Luhansk, Dontsk, Zaporiyia e Kherson ao territorio ruso. Desta maneira, o Kremlin recoñece como propios uns territorios que até o de agora pertencían a Ucraína.

Durante o acto institucional, Putin asegurou que os “habitantes das rexións das repúblicas populares de Luhansk e Donetsk, Zaporiyia e Kherson tomaron unha decisión inequívoca”. “Os seus habitantes convértense nos nosos cidadáns para sempre”, engadiu.

O palacio do Kremlin foi o lugar escollido polo Goberno de Moscova para levar a cabo a firma dos tratados de adhesión destes territorios. Ademais de Putin, no acto institucional participaron os actuais dirixentes dos catro óblast, que tamén estamparon a súa sinatura nos documentos de unión ao país veciño.

Entre o 23 e o 27 de setembro decorreron senllos referendos de adhesión a Rusia, nos que, segundo as autoridades electorais rusas, o 'si' obtivo unha esmagadora maioría. Donetsk foi o territorio onde o 'si' obtivo un maior apoio popular, con 98,7% de apoios recibidos. En, en Luhansk, a opción a favor da adhesión obtivo 97,9% de votos favorábeis.

Nas rexións de Zaporiyia Kherson, o 'si' a separarse de Ucraína e unirse posteriormente a Rusia tamén gañou con 93,1% e 87,1% de apoio respectivamente.

Reacción internacional

Na quinta feira, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, asegurou que Rusia “non obterá ningún territorio de Ucraína, senón que se anexionará á catástrofe que trouxo ao territorio ocupado do noso país”.

Zelenski convocou para hoxe mesmo o Consello de Defensa e Seguridade Nacional de Ucraína, no que, segundo anunciou, haberá “decisións” para responder ao anuncio de Putin da adhesión dos catro óblast.

Pola súa parte, a presidente da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, manifestou que “todos os territorios ocupados ilegalmente polos invasores rusos son terras ucraínas e sempre formarán parte desta nación soberana”.

Comentarios