Borrell apunta a un fortalecemento de Ucraína antes de negociar a paz

Mentres Borrell aposta por apoiar Ucraína para que obteña unha posición de forza antes dunhas hipotéticas negociacións de paz, a Intelixencia dos EUA sinala que a guerra se atopa estancada. Pola súa parte, Rusia afirma que ten compradores de enerxía suficientes aínda sen os Estados occidentais.
O xefe da Diplomacia da UE, Josep Borrell. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera O xefe da Diplomacia da UE, Josep Borrell, rexeitou que a alianza europea puidese mediar na busca da paz entre Rusia e Ucraína. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

Ucraína ten que chegar á mesa de negociacións con Rusia "desde unha posición de forza", declarou o alto representante da Unión Europea (UE) para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, Josep Borrell.

"A tarefa agora é pór os ucraínos nesa posición", expresou o xefe da Diplomacia da UE, agregando que esta cuestión será debatida na reunión dos ministros de Exteriores do G7 que decorrerá de 12 a 14 de maio en Alemaña.

Así mesmo, sostivo que a UE non podería exercer como mediadora nas negociacións de paz entre Kíiv e Moscova. "Os rusos non o aceptarían, do mesmo modo que nós non aceptariamos a Rusia como mediador", dixo o alto funcionario, descartando tamén a China, que "tende ao lado ruso".

"Turquía está a facer un bo traballo. Mantén boas relacións con ambas as partes", sinalou Borrell, aínda que "a mellor opción, por suposto, serían as Nacións Unidas", aseverou.

O alto funcionario tamén asegurou que a UE seguirá fornecendo armas a Ucraína e traballará para debilitar a economía rusa e illar o país euroasiático "internacionalmente".

Conflito en punto morto

A aposta de Borrell de intensificar o apoio ás contraofensivas ucraínas para que este país logre chegar ás negociación con Rusia nunha posición de forza contrasta coas opinións da Intelixencia do Estados Unidos de América (EUA), que informan dun estancamento do conflito.

Funcionarios do servizo de Intelixencia dos EUA veñen de declarar que a guerra de Ucraína está "nun punto morto". "Os rusos non están a gañar, os ucraínos non están a gañar, e estamos nun punto morto", declarou Scott Berrier, xefe da Axencia de Intelixencia de Defensa, ante o Comité de Servizos Armados do Senado dos EUA.

Neste mesmo Comité, Avril Haines, directora do Servizo Nacional de Intelixencia, predixo que neste punto morto podería producirse "unha longa guerra de desgaste", unha situación que, por outro lado, xa se deu desde 2014 no Donbás, sen avances claros dos contendentes, mais producíndose mortes de militares e poboación civil.

Rusia di ter compradores

O ministro de Exteriores da Federación Rusa, Sergei Lavrov, asegurou esta cuarta feira que Rusia ten "suficientes compradores" de recursos enerxéticos "mesmo sen os países occidentais".

Comentarios