Willy Toledo: "Non podemos permitir esta monarquía fascista nin un só día após a morte do Borbón"

"A Audiencia Nacional é un tribunal fascista que persegue os movementos políticos que lle interesan'' e "a primeira causa de morte nos hospitais é a privatización": duro alegato de Willy Toledo para explicar por que no Estado español non hai democracia
photo_camera [Imaxe: SG]


No Estado español non hai democracia. Ao redor desta premisa xira o libro de Willy Toledo Razones para la rebeldía. E ao redor dela xirou tamén o taxativo alegato que o actor pronunciou na presentación pública desta obra.

A primeira, na fronte da monarquía, á que cualificou como "absolutamente anacrónica, antidemocrática e que aínda seguimos tragando". Fronte a esta situación, colocou riba da mesa o seu desexo: "Co hinchado que está o Borbón e o pimple que lle mete ao corpo, espero que nos dure ben pouquiño".

"Este señor coárono co argumento de que salvou a democracia após o 23-F. Agardo que como non hai argumentos para coarnos o señor Felipe e a súa esposa Letizia teñamos o coraxe, a valentía e a determinación de non permitir que se prolongue esta monarquía fascista nin un só día máis após a morte do Borbón", un monarca, acrecentou Toledo, "escollido por un ditador fascista e criminal ao que el lle rendía pleitesía e lle lambía os pés desde os anos 60". Mais o actor chamou á reflexión non só ao redor da familia real española. 

''A Audiencia Nacional é un tribunal fascista que persegue os movementos políticos que lle interesan''

As torturas e os malos tratos de que acusa á policía volveron ocupar espazo destacado na intervención do actor, e como exemplo da falta de democracia no Estado colocou tamén o sistema xudicial e a política penitenciaria, subliñando que a Audiencia Nacional española "é un tribunal especial de ideoloxía fascista que se dedica, basicamente, a perseguir os movementos políticos que lle interesan".

Definiu a 'doutrina Parot' como "unha cadea perpetua que aplican cada vez que lles presta" e acusou ás FCS de ambas prácticas "de maneira sistemática e xeneralizada a miles e miles de detidos". As cargas dos antidisturbios, cuxas imaxes anegaron as redes sociais, servíronlle a Willy Toledo para reforzar a súa acusación: "se á plena luz do día e en plena rúa se comportan así, non quero imaxinar o que fan nos calabozos".

E as denuncias d@s pres@s foron o outro argumento esgrimido, recalcando que tales denuncias "non son xamais investigadas nin por un só xuíz, incluído o gran adalid da liberdade e dos dereitos humanos, o señor Garzón", ironizou o actor.

"A primeira causa de morte nos hospitais é a privatización"

Por derradeiro, colocou as (contra)reformas do Executivo español no albo das súas 'razóns para a rebeldía' para afirmar con contundencia que "a primeira causa de morte nos hospitais é a privatización".

Arremeteu duramente contra os recortes practicados en dous dereitos fundamentais, saúde e educación, para concluír a súa intervención cunha sonora labazada ao presidente español, a súa equipa en Madrid e o resto de gobernos do PP: "están a nos matar sistematicamente, pouco a pouco, sen que se note".

Comentarios