Israel ataca Gaza "a unha escala sen precedentes" mentres as mortes en ambos os bandos superan xa as 2.000

O Exército israelita recoñece que os seus bombardeos xa non son "cirúrxicos" mentres á fronte de Gaza súmase outra no norte, na fronteira co Líbano, após un intercambio de fogo con milicianos de Hezbollah.
A pasada noite as bombas volveron copar o ceo de Gaza. (Foto: Ahmed Zakot / SOPA Images via Europa Press)
photo_camera A pasada noite as bombas volveron copar o ceo de Gaza. (Foto: Ahmed Zakot / SOPA Images via Europa Press)

"Estamos atacando a Faixa de Gaza a unha escala sen precedentes, porque o que pasou aquí é algo que non pasara antes". Son palabras dun alto mando militar do Exército de Israel, Omer Tishler, xefe das Forzas Aéreas, que esta cuarta feira recoñeceu, en declaracións recollidas polo xornal The Times of Israel, que os bombardeos xa non son "cirúrxicos", se ben asegurou que non se están a atacar obxectivos civís. Mais, en calquera caso, ao escenario anterior á ofensiva iniciada por milicias de Hamás o pasado sábado "non se vai volver".

Detrás de cada ataque, argumentou Tishler, "hai un obxectivo". "Actuamos con precisión e profesionalidade, pero non de forma cirúrxica. Non estamos a falar de decenas ou centos [de bombardeos], senón de milleiros. Esta máquina funcionará, atacará e destruirá; así é como se opera se queres destruír os centros operacionais do terrorismo", dixo, sobre o que as propias autoridades israelitas xa advertiron que será unha "guerra longa" para "acabar co terrorismo de Hamás".

Entre eses obxectivos militares atópanse unha mesquita, unha universidade ou dous campos de refuxiados desde os que, segundo o Exército israelí operaban cargos de Hamás. E máis de 263.000 palestinos e palestinas tiveron que abandonar os seus fogares en Gaza por mor dos bombardeos. A meirande parte deles refuxiáronse nos centros da Axenciade Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA, polas siglas en inglés).

O número de vítimas mortais ascende xa entre a poboación de Israel a 1.200 —entre elas a cidadá hispano-israelita Maya Villalobo Sinvany—, segundo fontes do Goberno de Benjamin Netanyahu, e hai outras 3.700 persoas feridas de diversa gravidade desde que recruaron os enfrontamentos armados nunha operación apoiada activamente pola Yihad Islámica e os libaneses de Hezbollah.

De feito, esta última milicia chií reinvidicou a autoría dun ataque a un posto de control fronteirizo do norte de Israel que ocasionou "numerosas baixas", se ben a cifra é aínda inconcreta. E ante a apertura desta nova fronte de guerra, desde a que xa se rexistraran algúns intercambios de disparos desde o domingo, Tel Aviv respondeu disparando a súa artillaría cara ao Líbano.

"A resistencia islámica reafirma que dará unha resposta decisiva aos ataques israelitas contra o noso país e a seguridade do noso pobo, especialmente cando provoquen mártires. A vitoria vén só de Deus todopoderoso", advertiu un portavoz de Hezbollah. Desde a ONU piden "contención" a ambas as partes para evitar unha nova escalada do conflito.

Dentro de Gaza, o Ministerio de Sanidade vén de informar da morte até o momento de 1.055 falecidos e até 5.184 feridos, dos que "arredor de 60%" serían mulleres e crianzas, así como varios cooperantes de distintas oenegués humanitarias.

Comentarios