Wagner sacará as súas tropas que loitan en Bakhmut o 10 de maio

O Vaticano reitera a súa iniciativa de paz en Ucraína e sorpréndese de que tanto Kíiv como Moscova negaran ter coñecemento dela.
Edificio danado en Kíiv. (Foto: Aleksandr Gusev / Sopa Images Via / DPA)
photo_camera Edificio danado en Kíiv. (Foto: Aleksandr Gusev / Sopa Images Via / DPA)

Tras manter un pulso público nos últimos meses co ministro de Defensa ruso Sergei Shoigu, o líder do grupo ruso de mercenarios Wagner, Yevgeni Prigozhin, fixo público a sexta feira un vídeo no que aparece con múltiples persoas falecidas que terían morto nos combates en Bakhmut, na rexión de Donetsk, e anunciou que abandonarán a cidade o 10 de maio, aducindo que desde o 1 de maio os “burócratas deixáronnos case sen munición de artillería” para loitar en Ucraína.

“Ao non nos dar munición non nos privan da vitoria, privan o pobo ruso da vitoria, lamberémonos as feridas e volveremos cando a patria estea en perigo”, sostivo, e asegurou que “se nos desen a munición normal habería cinco veces menos baixas”, do que responsabilizou a Shoigu e o xefe do Estado Maior do Exército ruso, Valeri Gerasimov, criticando o desempeño dos militares no conflito, e cando o Exército ucraíno apenas domina unha pequena porción ao oeste da urbe.

O voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, non quixo facer comentarios ao respecto “posto que é algo que afecta a operación militar especial”.

En paralelo, as autoridades ucraínas insistiron en que Moscova intenta facerse co control absoluto de Bakhmut antes do 9 de maio, o Día da Vitoria contra o fascismo na Segunda Guerra Mundial, polo carácter simbólico da data.

No que atinxe ao intento de ataque con dous drons na madrugada da terza á cuarta feira contra o presidente ruso Vladimir Putin, o ministro de Asuntos Exteriores, Sergei Lavrov, adiantou “accións concretas” de resposta.

Namentres, medios como The Guardian ratifican que hai un alto número de posibilidades de que Kíiv estea detrás do ataque, ao que se engaden novos ataques contra áreas fronteirizas de Rusia malia que o Executivo ucraíno reitera que se limitan a loitar no seu territorio.

Aliás, arredor dos movementos para impulsar negociacións de paz, o secretario de Estado do Vaticano, Pietro Parolin, declarouse “sorprendido” pola negación de Ucraína e Rusia da iniciativa de paz que impulsan e que foi admitida polo papa Francisco, e salientou que “ambas as partes foron informadas”.

Xa en Turquía, un delegado de Ucraína golpeou o seu homólogo ruso durante unha reunión da Organización de Cooperación Económica do mar Negro. O presidente do lexislativo turco, Mustafa Sentop, condenou “este comportamento que perturba o ambiente pacífico que Turquía trata de estabelecer”.

Comentarios