Rusia acusa Ucraína de intentar matar Putin nun ataque con drons

O Kremlin denuncia un intento de asasinar a Putin por medio de dous drons, unha acusación que Ucraína nega no día que o presidente Zelenski se desprazou a Helsinki.
Volodimir Zelenski. (Foto: Presidencia de Ucraína)
photo_camera Volodimir Zelenski. (Foto: Presidencia de Ucraína)

O Kremlin acusou onte Ucraína dun intento de asasinato a noite anterior contra o presidente Vladimir Putin por medio de dous drons, informando de que foron abatidos antes de alcanzar a sede da Presidencia.

Moscova definiu o ataque como un atentado terrorista e destacou que se "reservan o dereito de responder onde e cando considere oportuno". Entrementres, Kíiv negou calquera responsabilidade nos feitos.

Ademais, o presidente ucraíno Volodimir Zelenski participou onte en Helsinki nunha cimeira cos líderes de Noruega, Suecia, Finlandia e Islandia, na que se debateron amais do apoio a Ucraína no contexto da guerra con Rusia as relacións de Kíiv coa Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e coa Unión Europea (UE).

“Mentres continúe a guerra non estaremos na OTAN, somos conscientes diso”, sostivo Zelenski, que reclamou que “ademais das portas abertas, os nosos socios tamén dean algúns pasos máis importantes”.

Ao tempo, amosou a súa confianza en que os membros da OTAN acabarán entregando ás Forzas Armadas ucraínas avións de combate como solicitou o país eslavo, asumindo que a entrega de máis armamento só se producirá no caso de éxito da anunciada contraofensiva militar ucraína.

Pola súa parte, o presidente finlandés, Sauli Niinisto, ratificou o apoio incondicional de Helsinki a Kíiv tras converterse Finlandia no último membro da OTAN e anunciarse a entrada da extrema dereita no Executivo.

Precisamente ao respecto da entrada de Finlandia na alianza militar liderada polos Estados Unidos, a prensa local difundiu que as autoridades nórdicas están a negociar con Washington un acordo para que os militares estadounidenses poidan usar as bases militares finlandesas e o territorio do país para adestramento e almacenamento de material militar. O pacto non contempla a despregadura de armas nucleares estadounidenses no país, como acontece en varios Estados da UE.

Nese sentido, a voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, Maria Zajarova, sinalou que de facerse efectivo o acordo terán que tomar medidas “a nivel militar como técnico ou doutra natureza” para enfrontar as “ameazas á seguridade nacional”.

Xa en Estonia, a Policía prohibiu con penas de até un ano de prisión calquera tipo de concentración cidadá en tres condados do país para celebrar o Día da Vitoria contra o fascismo o 9 de maio, que conmemora a fin da Segunda Guerra Mundial, seguindo o exemplo de Letonia, que tamén defendeu que os actos pola derrota do fascismo implican gabar Rusia no contexto da guerra en Ucraína.

Comentarios