[VÍDEOS] Nova erupción volcánica en Islandia: a lava chega a casas na cidade de Grindavík

A erupción estivo máis perto do municipio de Grindavík que a do mes de decembro.

islandia lava volcán
photo_camera (Foto: Jondstottir)

Hai unha nova erupción volcánica no suroeste de Islandia desde esta fin de semana e na mesma zona na que houbo outra en decembro, na península de Reykjanes.

Mais esta está máis perto do Concello de Grindavík, que foi desaloxado despois dunha noite con gran actividade sísmica, con moitos terremotos por riba da magnitude 3 desde ben entrada a madrugada do sábado ao domingo.

Aínda que a erupción é menor que a do 19 de decembro, a lava atravesou os muros de contención e avanzou cara zona urbana.

Ademais, perto das casas abriuse unha nova fenda. Polo momento, a lava destruíu dúas casas como mínimo. Non houbo vítimas mortais nin feridos, mais un dano tan directo en casas era un dos peores prognósticos.

Grindavík é un municipio pesqueiro situado na península de Reykjanes. É unha das poucas cidades que conta cun porto na súa costa, e a 4 quilómetros atópase a súa maior atracción turística, a Lagoa Azul (Bláa lónið). Moitos dos seus máis de 3.000 habitantes dedícanse a traballar na industria pesqueira.

 

Comentarios