Os venezuelanos elixen este domingo os seus representantes na Asemblea Nacional Constituínte

Por volta de 19.477.000 venezolanos poderán votar nestes comicios, boicoteados pola oposición, que destruíron máquinas de votación en varios concellos. Os representantes para a ANC serán eleitos por voto universal, directo e segredo. Horas antes de comezar as eleccións foi asasinado na súa casa un candidato á ANC, o avogado Félix Pineda. 

Venezuela Imaxe de AVN
photo_camera Imaxe TeleSur-AVN

Perto de 19.500.000 persoas están chamadas a participar este domingo en Venezuela nas eleccións constituíntes, unha cita avalada e amparada polo Consello nacional electoral (CNE), a máxima autoridade constitucional no que atinxe a procesos electorais. As autoridades prevén unha alta participación, tendo en conta a gran afluencia que se deu no ensaio destes comicios realizado o pasado 16 de xullo, o mesmo día no que a oposición realizaba o plebiscito ilegal, sen censo nin garantías nin supervisión de ningún organismo electoral.

Tibisay Lucena, presidenta da CNE, anunciou este sábado que todo estaba preparado e listo para a xornada electoral deste domingo, informando que só houbera problemas en oito concellos, onde a oposición lograra destruír as máquinas de votación. A oposición intenta boicotear estas eleccións, que decorren nun marco de violencia impulsada desde o pasado mes de abril e que se cobrou máis de cen vidas. A última delas, este sábado, co asasinato dun  policía de 30 anos dun tiro na cabeza no marco dunha protesta da oposición en Mérida, informan en TeleSur.  Ademais, o Ministerio Público de Venezuela investiga o asasinato a tiros na súa casa dun candidato 'chavista' á Asemblea Nacional Constituyente (ANC), Felix Pineda, este sábado en Ciudad Bolívar. É o segundo candidato á ANC asasinado, logo de que o pasado 10 de xullo mataran José Luis Rivas en Aragua cando tomaba parte nun acto de campaña. 

Nicolás Maduro: "É a elección máis importante contemplada no sistema político venezolano porque é a elección do poder constituínte orixinario"

Os venezolanos e venezolanas elixirán hoxe os 537 dos 545 deputados -364 corresponden a ámbito territorial e 173 a sectorial- da ANC, que terán como encomenda principal unha reforma constitucional que deberá ser ratificada por votación popular. Os oito deputados restantes corresponden ao sector dos pobos indíxenas, que escollerán estes os seus representantes na ANC o vindeiro 1 de agosto.

Hai dispostos 14.500 centros de votación, nos que se dispoñen máis de 24.000 mesas para poder exercer este dereito. O pasado 1 de maio o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, anunciaba a Asemblea como unha entidade para deter a violencia, impulsar o diálogo e constitucionalizar conquistas sociais atinxidas durante a ‘Revolución Bolivariana’, como as misións.

A constitucionalista María Alejandra Díaz, consultada por TeleSur, destaca que estes comicios mostran o carácter democrático do estado venezolano: “Ningunha ditadura convoca o pobo para que tome nas súas mans o poder constituínte orixinario e refunde o Estado”. O avogado constitucionalista Hermann Escarné declara, no mesmo medio, que a ANC non vai elaborar unha nova constitución senón que procura unha modificación do estado e o ordenamento xurídico, “basicamente é engadir os programas sociais, conquistas sociais...”. A Asemblea, reitera, ao igual que a de 1999, non vai disolver os poderes existentes senón que coexiste con eles.

Comentarios