Análise: Chile, venceu a encrucillada entre a represión e a liberdade, venceu a dignidade

Boric sacou case 12 puntos de vantaxe sobre o candidato da extrema dereita, Kast. (Foto: Estil)
"Hoxe a esperanza impúxose ao medo", dixo Gabriel Boric, que vai ser o novo presidente de Chile após a súa vitoria electoral o domingo. Ana Miranda, coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, estivo estes días no país andino, desde onde escribe esta crónica.

Chile 20 de decembro de 2021. Levo aquí uns días falando con moitas persoas representativas de diferentes eidos e todas definen a Chile como un país fragmentado, dividido polo curso da historia, da dos vencedores, das desigualdades, da falla de respeito á diversidade nacional e cultural, do neoliberalismo bo para uns e destrutor para as maiorías, das consecuencias da depredación de recursos. É a terceira vez que veño. A primeira foi con Beiras, na visita organizada aos territorios da Araucanía, ao Wallmapu como lle chama o Pobo Mapuche, organizada pola Fundación Galiza Sempre onde coñecemos a realidade plurinacional deste Estado pecador do centralismo e a represión ao Pobo Mapuche; a segunda como eurodeputada do BNG membro da Delegación Mixta UE-Chile na pasada lexislatura e esta,  na que notei un cambio moi grande. Unha maior precarización da vida das persoas —base das revoltas de 2019 que fixeron mella no Goberno Piñera e sacaron a luz milleiros de reivindicacións— e un fartazgo pola crise multisistémica e multisectorial  política social, sanitaria, cultural provocada pola falta de solucións do neoliberalismo  económico e ausencia do Estado. 

A despolitización até 2019 era produto da desafección política a consecuencia da política do consenso do bipartidismo harmónico, dende a falsa superación da ditadura mantendo unha Constitución pinochetista, os mornos gobernos da concertación e o piñerismo dos últimos anos. A revolta social, “el estallido social”, aumenta a concienciación e de novo o interese pola Política abrindo un ciclo político moi convulso. 

Dai a alta polarización e fragmentación que houbo na primeira volta, cun empate técnico en representación parlamentar. Dous días despois da primeira volta, o Presidente Piñera facía descaradamente unha intervención tácita de apoio ao candidato da ultradereita, Kast meténdose no proceso electoral.  

Paralelamente naceu a consecuencia do estalido social o proceso inédito e participativo da Convención Constitucional que pretende modificar a constitución pinochetista cara a unha verdadeira democracia, con recoñecemento plurinacional e coa intención de facer profundas e necesarias reformas estruturais no País.

Chile enfrontouse na segunda volta con dous candidatos empatados nas sondaxes e cunha forte tensión política de dous modelos antagónicos. A candidatura de “Apruebo Dignidad” encabezada por Gabriel Boric, antigo líder estudantil,  presenta un programa social e político con desexo de transformación do país coa vocación de apoio total á Convención Constitucional, produto da unidade política e social de varias forzas de esquerda e do apoio de movementos sociais nesa unidade de acción que foi fundamental 
para o triunfo.  

Cambio de ciclo

A candidatura encabezada por Kast, retrógrada, anti feminista e anti dereitos humanos, pretendendo retirar a Chile da multilateralidade internacional baseada na orden, seguridade e man dura,  no ultraneoliberalismo no económico, coas características típicas do neofascismo mundial de combater á diversidade e o pluralismo, cuestionar a democracia e totalmente contraria ao proceso da Convención que derogaría de ter sido electo. 

Nas rúas respirábase un cambio de ciclo político aínda que tamén moita indecisión nos últimos días, a consecuencia dunha dura campaña de desprestixio, bulos e manipulación nesta segunda volta cara a Boric. A esquerda e a dereita volven tomar sentido segundo os analistas políticos na campaña, despois do roubo da soberanía popular en repetidas ocasións e foi precisamente na campaña onde as posturas eran antitéticas. O dilema para moitas e moitos chilenos que se debateron entre que votar finalmente posicionou o voto encuberto  de máis dun millon de persoas cara ao progresista na chamada ao medo ao pasado contra o neofascismo e iso é un cambio de rumbo fundamental despois dun conformismo case inmobilista. 

A desvantaxe competitiva de Boric nos medios de comunicación non xogaba ao seu favor, mais os recentes apoios de moitos movementos sociais como a Coordinadora Feminista 8M e a inxente loita das feministas chilenas, diversas formacións políticas, ex presidentes de Chile, etc, fixeron o aumento da popularidade e a homologación fronte a unha clara campaña de desprestixio típica deste novo neofascismo.

Boric é un candidato novo en idade e en apertura dun novo ciclo político cun programa transformador que constrúa un novo pacto social baseado na dignidade, no recoñecemento da condición humana, na recuperación dos dereitos sociais, ambientais, políticos e do respecto ao dereito dos diferentes Pobos que integran Chile, nunha sociedade cun trauma histórico e un presente traumatizado que quere cura, a cura do trato en igualdade, de novas receitas contra o neoliberalismo depredador, de recoñecemento plurinacional. 

Chile dixo non ao fascismo e á desigualdade, con conciencia e responsabilidade. Non vai ser tarefa fácil para o Goberno de esquerda porque hai demasiado abandono e saqueo, mais o cimento dun novo ciclo político está botado, esperanzador para outros Pobos de América e tamén para nós, porque botar á dereita é posible. A celebración foi tremendamente emotiva para Chile e para o Mundo e para a esquerda mundial e os Dereitos dos Pobos porque o internacionalismo é fundamental neste mundo interconectado e nós no BNG vimos acompañando este proceso antineoliberal e o Pobo Mapuche, e por iso tamén estabamos aquí, nos tempos difíciles, e agora a carón do novo Goberno que abriu as alamedas da esperanza.