venres 14/08/20

Urkullu ata o seu terceiro mandato nuns comicios marcados pola baixa participación

EH-Bildu rompe o seu teito cun total de 22 escanos, afianzándose como segunda forza na Cámara vasca.
Íñigo Urkullu (Imaxe: PNV)
Íñigo Urkullu (Imaxe: PNV)

Con 100% do voto escrutado, o Partido Nacionalista Vasco consolídase como o gran vencedor dos comicios electorais de Euskadi con 31 escanos. Os jeltzales melloran os seus resultados de 2016 con tres escanos máis. Íñigo Urkullu revalidaría así o seu terceiro mandato na Cámara vasca, en tanto que superaría da man do seu socio de Goberno, o PSE, a maioría de 38 escanos.

A cidadanía vasca opta por revalidar ao lehendakari, cun ascenso do voto nacionalista. EH-Bildu aumenta a súa participación e logra catro representantes máis que nas anteriores eleccións, un total de 22 escanos, e o mellor resultado da súa historia.

O PSE superou os seus pasados resultados un punto máis, cun total de 10 e sitúase como terceira forza no Parlamento vasco.

As dúas coalicións que concorreron ás eleccións vascas perden votantes e escanos. Elkarrekin Podemos-IU perde case a metade dos seus escanos, descendo a seis deputados e deputadas. A suma entre PP e Ciudadanos resta aos populares 3 puntos, ficando en 6. Ciudadanos obtén así e por primeira vez un asento na Cámara vasca da man do PP.

Por último, os votos en Araba aseguran ao partido ultradereitista Vox o seu primeiro escano no Parlamento vasco.

Histórica abstención

A participación da cidadanía vasca caeu 7,2 puntos, situándose en 52,8% fronte ao 60,02% rexistrado nos comicios de 2016. É a cifra máis baixa da historia dos comicios en Euskadi, mesmo por debaixo da de 1994, por baixo de 59,6%. Paralelamente, o voto por correo duplicouse mentres que arredor de 200 votantes non puideron exercer o seu dereito a voto por teren contraído o coronavirus.

A tendencia á baixa foi xeral nas tres circunscricións da Comunidade Autónoma Vasca: 50,6% do electorado de Araba exerceu o dereito ao voto; mentres que en Gipuzkoa fíxoo 54,5%, e en Bizkaia, 52,4%.

Territorios

En Araba, PNV suma 9 puntos; EH-Bildu, 6; Elkarrekin Podemos-IU, 2; o PSE, 4; a coalición de Podemos e Ciudadanos, 3 e Vox, 1. A participación rolda a metade dos electores da circunscrición.

Por Bizkaia, o PNV suma 12 escanos; EH-Bildu, 7; Elkarrekin Podemos-IU, 2; PSE, 3 e a suma de PP e Ciudadanos, 1. A participación chega a 52,52% dos e das votantes.

Por último, en Guipuzkoa o PNV suma 10 deputados e deputadas; EH-Bildu, 9; Elkarrekin Podemos-IU, 2; o PSE, 3 e PP e Ciudadanos, 1. A participación ascende a 54,53%, o territorio coa abstención máis baixa dos tres vascos.

comentarios